HomePontevedraO BNG de Vigo lamenta que a cidade segue á cola en...

O BNG de Vigo lamenta que a cidade segue á cola en bibliotecas públicas: só 2 para 300 mil habitantes

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista esixe que se dote a cidade dunha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias, seguindo o camiño iniciado coa apertura da Neira Vilas no Calvario en 2011

Lembra que os estándares profesionais sinalan a necesidade de contar cunha biblioteca por cada 15 mil habitantes e que cidades de menor poboación teñen unha rede que quintuplica a de Vigo

Ana Martínez:“Fronte a política de escuridade cultural de Caballero, as bibliotecas son garantes do dereito á cultura durante todo o ano”

Após a celebración, onte, do Día Internacional das Bibliotecas, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de denunciar  a “grave carencia” de bibliotecas públicas na cidade, que conta só con dúas –a Juan Compañel, xestionada pola Xunta, e a Neira Vilas, do Concello– para atender unha poboación de case 300.000 persoas.

Así o sinalou a concelleira do BNG, Ana Martínez, lamentando que neste ámbito a cidade “ten moi pouco que celebrar” e lembrando que segundo os estándares profesionais, as cidades deberían dispoñer dunha biblioteca por cada 15.000 habitantes, un obxectivo que dista moito da realidade viguesa. “A Coruña, con algo menos de poboación, conta con 10 bibliotecas municipais”, contrapuxo.

Desde a fronte nacionalista critican a “falta de vontade política” do goberno de Abel Caballero para desenvolver a rede municipal de bibliotecas que o propio BNG impulsou en 2011 desde a concellaría de Cultura coa apertura da Neira Vilas no Calvario. “O alcalde abandonou un proxecto chave para garantirmos o acceso á cultura e á información en todos os barrios e parroquias”, afeou Martínez. “En vez de bibliotecas, o Goberno municipal ofrece salas de estudo, que só serven a un sector concreto da poboación e en períodos limitados do ano”, engadiu.

Un dereito fundamental

Martínez subliña que as bibliotecas públicas non son só centros culturais, senón “ferramentas esenciais para a cohesión social, o encontro veciñal e a loita contra a soidade non desexada”. Neste sentido, enfatizou que “as bibliotecas tecen redes de colaboración e son garantes do dereito á cultura durante todo o ano, non só en épocas lectivas”.

A formación nacionalista esixiu a posta en marcha da rede municipal de bibliotecas, comezando polo barrio de Teis, onde a veciñanza reclama desde fai anos unha verdadeira biblioteca con servizos completos: coleccións actualizadas, persoal bibliotecario e espazos de uso comunitario. “O concello debe desbotar o proxecto actual de sala de lectura e apostar por unha auténtica biblioteca”, reclamou a concelleira.

O BNG defende que a maior cidade galega “non pode seguir quedando atrás” en materia cultural e anunciou que seguirá reclamando “todos os días” que o goberno municipal abandone a súa “política de escuridade cultural”. “A cultura non é un luxo, é un dereito”, remachou Martínez.

Publicacións Relacionadas