A fronte nacionalista advirte de que a emerxencia habitacional non se resolve con “amagos para aparentar que se vai facer algo”
Presentou 12 emendas para converter EMVIGO nun verdadeiro servizo público, que foron rexeitadas polos votos do PSOE e a abastención do PP
Xabier P. Igrexas: “ A vivenda é un dereito fundamental, non un negocio. Vigo precisa unha empresa municipal útil, potente e transformadora, non un logotipo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo lamentou que a “falla de ambición” do Goberno de Abel Caballero ameace con converter a futura Empresa Municipal de Vivenda (EMVIGO) nunha “casca baleira”, incapaz de dar resposta á grave emerxencia habitacional que atravesa Vigo.
Durante o debate plenario da aprobación inicial da memoria de creación da sociedade municipal, aínda sen constituír, o portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que “a situación que vive a cidade non se resolve con amagos para aparentar que se vai facer algo”.
Nese sentido, incidiu na situación “imposíbel” do mercado do alugueiro, marcada polo feito de que hoxe na cidade haxa xa 8 pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial, e que a metade dos que se ofertan teñen prezos superiores aos 1.000 euros mensuais.
“Vigo precisa un verdadeiro instrumento público para garantir o dereito á vivenda, non unha empresa descafeinada, supeditada á lóxica do mercado e deseñada para cadrar balances”, afirmou o portavoz municipal nacionalista.
Aliás, lembrou que a creación dunha empresa municipal de vivenda foi unha demanda histórica do BNG, fronte á negativa mantida durante anos polo Goberno local, que alegaba carecer de competencias nesta materia.
Sen ambición
Para o BNG, a memoria aprobada inicialmente só cos votos do PSOE presenta “dous males de orixe”: a falla de ambición social e a submisión aos criterios do mercado. Igrexas criticou que o principal proxecto previsto polo Goberno municipal, en Santa Cristina de Lavadores, contemple destinar dous terzos do solo público á promoción privada. “O solo municipal non se vende nin se cede para favorecer a especulación. O solo público ten que servir para promover vivenda cen por cento pública, baixo xestión pública e protexida de maneira permanente”, defendeu.
A fronte nacionalista cuestiona tamén que o documento considere “accesíbeis” alugueiros de até 700 euros mensuais e que reserve unicamente o 10% das futuras vivendas para atender situacións de emerxencia habitacional. “En que cidade viven?” interpelou o voceiro municipal, lembrando que a maioría social non ten salarios tan elevados como as dedicacións exclusivas que percibe o Goberno.
“Un alugueiro público non pode ser un pequeno desconto sobre o mercado. Ten que garantir que ningunha familia destine máis do 30% dos seus ingresos ao acceso á vivenda”, sostivo Igrexas, quen cualificou tamén de “ridícula” a reserva prevista para emerxencia social que propoñen triplicar. A este respeito, volveu cargar contra os “discursos indecentes que se atreven a afirmar que en Vigo hai xente durmindo na rúa porque quere, cando a realidade é que non hai solucións para a xente sen fogar e cada semana se producen desafiuzamentos sen alternativa habitacional”.
Segundo o portavoz nacionalista, a memoria está “obsesionada coa chamada regra do 50%”, que fai prevalecer a rendibilidade financeira da futura sociedade, cando “a prioridade absoluta dun Concello debe ser garantir o dereito da veciñanza a poder vivir na súa cidade”.
Doce emendas
Co obxectivo de reorientar o proxecto, o BNG presentou un voto particular con doce emendas destinadas a transformar EMVIGO nun auténtico instrumento de intervención pública fronte á crise da vivenda.
Entre as principais propostas figura a promoción pública directa de 500 vivendas protexidas -fronte as 250 recollidas inicialmente-, a mobilización inmediata das vivendas baleiras da SAREB e das entidades financeiras rescatadas, así como un programa anual de 10 millóns de euros para adquisición e rehabilitación de inmóbeis.
O BNG propuxo tamén elevar a dotación inicial da empresa até, como mínimo, os 20 millóns de euros, garantir a captación de fondos doutras administracións -incluída a Deputación-, blindar o carácter público do parque municipal para impedir a súa venda a fondos voitre ou capital privado e dotar EMVIGO dun cadro de persoal propio que evite privatizacións encubertas mediante externalizacións.
A alternativa nacionalista incorporaba ademais indicadores de impacto social para avaliar a actividade da empresa —como a redución da lista de agarda ou do esforzo económico das familias— en lugar de limitar a súa viabilidade a parámetros exclusivamente financeiros, e redefine a finalidade da sociedade para convertela nunha verdadeira ferramenta pública fronte á emerxencia habitacional.
Ademais incidiron na “democratización” da xestión da futura empresa municipal, para o que reclamaron que se garanta a presenza con voz e voto de todos os grupos políticos na Xunta Xeral e no Consello de Administración, pero estabelecendo a prohibición expresa de cobrar calquera tipo de dieta ou retribución.
A vivenda como dereito
O portavoz do BNG insistiu en que o debate plenario “non era unha cuestión burocrática”, senón unha decisión estratéxica sobre o modelo de cidade. “Hoxe decidimos se queremos que a Empresa Municipal da Vivenda sexa un simple espectador do mercado ou unha ferramenta útil para garantir o primeiro dereito da cidadanía: poder habitar a súa cidade”, afirmou.
Para Igrexas, Vigo necesita unha política pública de vivenda “á altura da emerxencia social que vivimos”, polo que reclamou ao Goberno municipal que rectifique e incorpore as propostas formuladas polo BNG. No entanto, o voto particular do Bloque foi rexeitado co votos en contra do grupo municipal do PSOE e a abstención do PP.
“A vivenda é un dereito fundamental, non un negocio. O que precisa Vigo son políticas valentes e recursos suficientes para garantir ese dereito, non amagos nin operacións cosméticas para aparentar que se fai algo mentres continúa agravándose a crise habitacional”, concluíu.

