Soutomaior dá un paso decisivo cara ao seu futuro económico coa aprobación inicial do proxecto do Ecoparque Empresarial da Montesiña

Redacción

O parque empresarial permitirá a implantación de máis de 60 empresas e consolídase como un dos proxectos estratéxicos do mandato para impulsar o emprego e o desenvolvemento económico do municipio

O Concello de Soutomaior vén de aprobar inicialmente o proxecto do Ecoparque Empresarial da Montesiña, un avance decisivo para facer realidade unha infraestrutura chamada a transformar o futuro económico do municipio e converterse nun dos principais motores de creación de emprego e riqueza da comarca.

O Ecoparque Empresarial, redactado polo estudo Óptima S.L., dirixido polo arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro, prevé a creación dun espazo empresarial moderno, sostible e plenamente integrado na paisaxe, no que poderán implantarse máis de 60 pequenas e medianas empresas, dando resposta a unha demanda histórica do tecido empresarial local e da súa contorna.

O proxecto contempla parcelas destinadas á construción de naves de dimensión media, pensadas principalmente para PEMES dos sectores industrial, comercial e de servizos, acompañadas dunha ampla rede de zonas verdes, espazos públicos e itinerarios peonís que reforzan o seu carácter de ecoparque e a súa integración co territorio.

A actuación está deseñada para favorecer o desenvolvemento económico do municipio sen provocar un incremento significativo do tráfico pesado, apostando por un modelo empresarial sostible, eficiente e compatible coa calidade de vida da veciñanza.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, cualificou a aprobación inicial como “un paso de xigante para o futuro do noso concello”, asegurando que se trata dun dos proxectos máis importantes das últimas décadas.

“Hoxe Soutomaior dá un paso histórico. A aprobación inicial deste Ecoparque Empresarial achega un proxecto estratéxico que permitirá que máis de 60 empresas poidan instalarse no noso municipio, xerando emprego, oportunidades e riqueza para as próximas xeracións.”

O rexedor destacou que esta actuación responde a unha necesidade amplamente demandada polo tecido produtivo.

“Levamos moitos anos vendo como empresas de Soutomaior e da contorna non atopaban solo industrial para medrar. Con este proxecto queremos ofrecerlles unha alternativa moderna, sostible e integrada na paisaxe, permitindo que o talento e o investimento queden no noso concello.”

Coa aprobación inicial deste proxecto, o Concello reafirma a súa aposta por crear un novo polo empresarial que fortaleza a economía local, atraia investimento, favoreza a creación de emprego e converta Soutomaior nun referente de desenvolvemento sostible na comarca.

Comparte este artigo