O BNG de Vigo lamenta que o PSOE se negase a esixir no Pleno o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro

adminON
Lectura mínima de 7

O grupo municipal socialista rexeitou a emenda do BNG na que se reclamaba a fin da concesión privatida do HAC

Xabier P. Igrexas: “Non abonda con pedir xenericamente responsabilidades políticas á Xunta do PP, o que cómpre é esixir unha rectificación na imposición dun hospital privatizado e recortado

¬ACCIDENTE NO SALTAMONTES: Piden o cese da concelleira de Seguridade

O Bloque Nacionalista Galego lamentou que o grupo municipal socialista se opuxese no Pleno municipal do Concello de Vigo celebrado esta mañá a reclamar o rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a través dunha emenda á moción do PSOE a respeito do sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do novo hospital da cidade que o Pleno instase ao Goberno galego a iniciar o procedemento para rescatar a concesión. “Non abonda con pedir xenericamente responsabilidades políticas á Xunta do PP, o que cómpre é esixir unha rectificación na imposición dun hospital privatizado e recortado”, argumentou.

Igrexas defendeu que “o clamor unánime desta cidade, que se manifestou en masivas mobilizacións nos últimos anos, o que esixe é termos un hospital de titularidade e xestión cento por cento pública”. Por esta razón considerou “incomprensíbel e moi decepcionante” que o PSOE se negase, sen dar ningún motivo, a que o acordo plenario recollese expresamente a demanda do rescate concesional. No entanto, o grupo municipal do BNG votou favorabelmente a moción na que se demandaban responsabilidades políticas polo escandaloso sobrecusto.

Terremoto privatizador

O portavoz municipal nacionalista cargou con dureza contra o modelo “privatizado e recortado” imposto polo Partido Popular para o novo hospital vigués, que para alén do millonario sobrecusto supuxo que o HAC teña 700 camas menos, 12 mil metros cadrados de superficie menos e tamén un recorte de 16 mil metros cadrados en aparcamento. Neste sentido, cualificou o HAC de “epicentro do terremoto que a golpe de recortes e privatizacións converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”, acusando o PP de aplicar unha política sanitaria que “só busca que uns poucos fagan negocio da nosa saúde”.

“Os 470 millóns de euros de sobrecusto que o PP entregou a empresas privadas é o equivalente a 50 TACS, 89 resonancias magnéticas, 100 mamógrafos ou o custe de 250 médicas e médicos de familias durante 20 anos”, enfatizou.

Transparencia

Diante dun Goberno galego “fuxido e que se nega a dar a cara” a emenda nacionalista esixía tamén que a Xunta explicase de maneira detallada as causas do sobrecusto detectado polo Consello de Contas e que aclarase algunhas das irregularidades detectadas a consecuencia da escolla do modelo concesional. No concreto, instaban ao executivo galego a xustifica as decisións de non considerar a posibilidade de que o investimento para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro puidera ser financiado a través da Sociedade Galega de Investimento, do Banco Europeo de Inversións (BEI) ou outros axentes públicos. Tamén pedían explicacións sobre a substitución do estudo de viabilidade polo estudo de viabilidade económico financeira, polo feito de que a minoración dos metros útiles en diversas áreas do hospital sen ser acompañada de minoración dos prezos e, por último, dos motivo que levaron a fixar un prazo de duración da concesión superior aos 17 anos inicialmente previstos.

Aliás, Igrexas remarcou que “se o PP non ten nada que agochar terá que permitir a creación, proposta polo BNG, dunha Comisión de Investigación no Parlamento galego para poñer negro sobre o branco o que pasou”.

¬ACCIDENTE NO SALTAMONTES: Piden o cese da concelleira de Seguridade

Outro dos asuntos abordados no Pleno municipal de hoxe foi o debate sobre a creación dunha Comisión Especial para investigar o sucedido no tráxico accidente producido nunha atracción de feira nas festas de Matamá o pasado 3 de agosto, petición que contou co voto a prol do BNG.

Após a intervención realizada pola concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, o portavoz municipal do BNG esixiu o seu cesamento. “É indecente que após 38 días de silencio, de opacidade e de comunicados que só pretendían escorrer o vulto, a concelleira non dese resposta a ningunha das preguntas que se formularon no Pleno nin asumise ningunha responsabilidade”, afirmou. Aliás, considerou “infame” que a concelleira se atrevese a cualificar de “carroñeiro” o feito de que se lle esixiran explicacións sobre a actuación municipal diante dun accidente que custou a vida dun veciño de 36 anos.

Desde o BNG denuncian que, máis dun mes despois, o Goberno municipal inda non lle facilitou toda a información e documentación solicitada, nomeadamente os partes e informes das intervencións da Policía Local e do servizo de bombeiros. Aliás, criticaron que inda non se dese a máis mínima explicación sobre cal foi a razón pola que non se ordenou o precinto ou a desmontaxe da atracción accidentada toda vez non contaba coa autorización municipal para funcionar.

Igrexas considera que “despois de constatada a absoluta incapacidade e o desprezo da concelleira ao Pleno e, o que é máis grave, á familia da vítima, á veciñanza de Matamá e ao conxunto das viguesas e vigueses”, Rodríguez Calviño non “pode permanecer no seu cargo”. “Se lle queda un mínimo de dignidade debería dimitir hoxe mesmo e se non o fai debera ser cesada polo alcalde”, esixiu.

Comparte este artigo