A fronte nacionalista critica a “manobra antidemocrática” do alcalde para aprobar definitivamente o novo Plan Xeral nunha sesión a continuación do Pleno ordinario e reclama un debate aberto e accesíbel á cidadanía
Esixen un cambio de data, que a sesión se traslade ao Auditorio Municipal en horario de tarde e un debate con dúas quendas de intervención para cada grupo
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero parece avergoñarse dun PXOM elaborado na escuridade dos despachos ao ditado dos poderosos intereses dos de sempre e por iso foxe dun debate real”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo rexeitou hoxe a “opacidade e falta de transparencia” coa que o Goberno municipal de Abel Caballero pretende rematar a tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A intención de programar a súa aprobación definitiva nun pleno extraordinario inmediatamente despois do pleno ordinario deste mes -que se celebrará o vindeiro luns 26- reflicte para a fronte nacionalista unha “clara intención de minimizar o debate público e limitar a participación cidadá”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza esta “manobra antidemocrática” que, ao seu xuízo, evidencia a “pouca confianza” do goberno no seu propio proxecto e cuestiona o seu compromiso cos “máis básicos valores democráticos”. “Aprobar un documento tan transcendental nunha sesión exprés, case clandestina, é unha falta de respecto á cidadanía”, afirmou, acusando o alcalde de elaborar o PXOM “na escuridade dos despachos” e priorizar “os poderosos intereses dos de sempre” fronte ás necesidades reais das viguesas e vigueses.
Para reverter esta situación, o BNG proporá mañá na Xunta de Portavoces tres medidas concretas. En primeiro lugar, esixe que o pleno extraordinario se celebre nunha data distinta á do pleno ordinario, garantindo un debate con relevancia propia. En segundo lugar, demanda que a sesión teña lugar no Auditorio Municipal, en horario de tarde a partir das 20:00, para facilitar a asistencia da veciñanza.
Finalmente, propón un formato de debate que permita unha “discusión real” con dúas quendas de intervención para cada grupo municipal: unha inicial de mínimo 15 minutos para expor as valoracións do plan, e unha segunda de 5 minutos para réplica e conclusións. “A aprobación definitiva do novo PXOM non pode ser despachada de maneira exprés nin ocultada á opinión pública”, defende Igrexas.
O BNG defende un PXOM que reflicta “as aspiracións colectivas” de Vigo, promovendo unha cidade “máis verde e sustentábel, mellor habitábel, ben vertebrada e atenta ás necesidades dos barrios”. Entre as súas propostas, destacan un novo modelo de mobilidade que potencie alternativas ao uso do coche particular e a mobilización das máis de 22.000 vivendas baleiras para garantir o acceso social á vivenda.
“A cidadanía ten dereito a coñecer as posicións de cada formación e os modelos de cidade que defenden, non podemos permitir que o novo Plan Xeral se aprobe ás agachadas polo rodete absolutista de Caballero”, concluíu Igrexas.