O BNG de Vigo pide unha Comisión de Seguimento das Obras do Concello ante as continuas demoras

Redacción

Demanda que se informe das incidencias detectadas en todas as obras en marcha na cidade, dos incumprimentos dos prazos de execución e das súas causas

Xabier P. Igrexas: “Vemos obras nas que pasan semanas e meses sen avances con importantes prexuízos para a veciñanza, farta de presentar queixas que ninguén atende”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda unha Comisión de Seguimento das Obras do Concello de Vigo. A fronte nacionalista denuncia a “absoluta falla de supervisión” do Goberno municipal ante os “reiterados incumprimentos” dos prazos de execución e das condicións dos traballos que se traducen ao seu xuízo nun “calvario” para a veciñanza.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, asegurou que non se trata de casos illados senón dunha situación xeneralizada. “Vemos obras nas que pasan semanas e meses sen apenas avances, provocando importantes prexuízos ás veciñas e veciños, que está fartos de presentar queixas que ninguén atende”, lamentou.

Dende o Bloque puxeron como exemplo a humanización da rúa do Pazo, no casco histórico da Vila de Bouzas, onde a situación de insolvencia da empresa adxudicataria “ameaza con deixar empantanado ese espazo público por tempo indefinido”. Unha obra que, subliñaron, foi contratada o 2 de maio de 2025 cun tempo de execución de catro meses pero que, pasado un ano, continúa a medio facer.

Para a fronte nacionalista este caso evidencia a necesidade de crear unha Comisión Municipal de Seguimento das Obras, que piden que conte con representantes de todos os grupos políticos, do movemento veciñal e das organizacións sindicais. “É necesario supervisar, fiscalizar e inspeccionar o desenvolvemento de obras que son financiadas cos cartos de todas e de todos, para garantir que os proxectos se executan como é debido e nos prazos fixados”, defendeu Igrexas.

Información das incidencias e sancións

O Bloque vai solicitar ademais á concellaría de Fomento que informe “de maneira detallada” das incidencias detectadas en todas as obras en marcha na cidade, así como dos incumprimentos dos prazos de execución e das súas causas. Nese sentido, reclaman  coñecer se o Concello está a impoñer sancións ou a reclamar indemnizacións ás empresas adxudicatarias naqueles casos que non cumpren cos contratos.

O portavoz municipal nacionalista chamou a evitar que se repitan situacións como na humanización da rúa Aragón, que para un quilómetro de rúa demorou 12 anos con seis fases diferentes de execución. “A veciñanza non pode seguir sendo torturada con obras que non se sabe cando rematan”, advertiu, poñendo tamén o exemplo das recentes obras na rúa Teixugueiras de Navia ou na Avenida de Martínez Garrido.

Igrexas demandou poñer como prioridade “o benestar da veciñanza, o tránsito seguro de peóns e vehículos e a redución ao mínimo das molestias xeradas polas obras”, acusando ao alcalde, Abel Caballero, de “impoñer un modelo exhibicionista que só busca o maior número de primeiras pedras e de inauguracións para a súa maior gloria propagandística”.

Comparte este artigo