Home Pontevedra O BNG de Vigo presenta máis de 150 alternativas ao proxecto de...

O BNG de Vigo presenta máis de 150 alternativas ao proxecto de Orzamentos Municipais de Caballero para 2025

- Anuncio -

A fronte nacionalista rexistra unha ampla batería de emendas parciais por importe de 22 millóns para que as contas do Concello do vindeiro ano atendan as necesidades reais da cidade fronte á “inercia paralizante” do Goberno municipal do PSOE e a “preguiza” do PP


Propoñen melloras en seis grandes eixos: política social e vivenda, investimentos nos barrios e parroquias, axenda feminista, cultura, deportes e por un Vigo máis verde


Xabier P. Igrexas: “Son unha alternativa en positivo fronte ás contas de Abel Caballero, que se nega a escoitar e non ten máis proxecto que seguir ocupando o goberno”

O Bloque Nacionalista Galego presenta máis de 150 alternativas ao proxecto de Orzamentos Municipais do Concello de Vigo para 2025. A fronte nacionalista vén de formular unha ampla batería de emendas parciais -o maior número rexistrado nunha tramitación orzamentaria na cidade- para que as contas do Concello do vindeiro ano atendan as necesidades reais das viguesas e dos vigueses.
Así o defendeu este luns en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurando que estas emendas por importe de case 22 millóns de euros son “unha alternativa en positivo” ás contas do Goberno municipal de Caballero. Un proxecto de orzamentos que, cuestionou, foi elaborado un ano máis desde a “inercia paralizante de quen non ten máis proxecto para a cidade que seguir ocupando o goberno” e a “xordeira autoritaria que se nega a atender as demandas da veciñanza e dos colectivos sociais”.
Do mesmo xeito, o portavoz nacionalista afeou a “preguiza” do grupo municipal do PP por formular tan só unha emenda de devolución das contas. “O Bloque cremos fundamental que o Concello poida contar cuns orzamentos en vigor desde o día 1 de xaneiro, algo que de prosperar a emenda á totalidade do PP non podería suceder”, afirmou Igrexas.
As emendas do BNG propoñen así melloras en seis grandes eixos: política social e vivenda, investimentos nos barrios e parroquias, axenda feminista, medidas fronte á desertización cultural e fronte ao “castigo” que padecen deporte local e a mocidade, ademais de propostas para un Vigo máis verde, sustentábel e habitábel.
Parapeto social e vivenda
Dende a fronte nacionalista defenden como prioridade nas contas municipais o reforzo dos recursos para facer do Concello un “grande parapeto social” diante da crecente pobreza e empobrecemento en Vigo. “Nunha cidade con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social, na que centos de persoas teñen que acudir ás filas da fame, pode e debe facer moito máis para atender a emerxencia social”, reclamou Igrexas.
O BNG chama así a destinar 1,2 millóns adicionais para as axudas a familias e fondos de emerxencia de desafiuzamentos (para un total de 2,5 millóns) fronte ao recorte do 7,14% que se recolle no proxecto de orzamentos. Na mesma liña, pide destinar como mínimo 3 millóns de euros en políticas de promoción do emprego diante da continuada destrución de postos de traballo, en particular na industria local, e das máis de 22 mil persoas en situación de desemprego que hai na cidade.
E ante un dos principais problemas sociais en Vigo como o acceso á vivenda, as nacionalistas urxen unha “enérxica” política pública mobilizando 3,45 millóns de euros para despregar un Plan Municipal de Axuda ao Alugueiro, crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social e un Programa municipal de alternativas habitacionais para persoas en situación de vulnerabilidade, tres das medidas aprobadas polo Pleno o pasado marzo a través dunha moción do propio Bloque.
Fin ao abandono dos barrios e parroquias
Outro dos eixos fundamentais para a fronte nacionalista pasa por poñer fin ao “abandono” que padecen os barrios e parroquias da cidade. Para ese fin, reiteran a proposta de poñer en marcha o denominado Plan Cidade, un plan de investimentos para infraestruturas, dotacións e mellora dos servizos no conxunto da cidade, así como duplicar a partida destinada ao Plan de Beirarúas. En paralelo, piden despregar un proxecto piloto de orzamentos participativos, que permitan á veciñanza decididir directamente o uso dos recursos do Concello.

Empresa Pública Municipal de Servizos
Dende o Bloque cuestionaron tamén a continuada privatización de servizos públicos por parte do Goberno de Abel Caballero, a quen tachou de “campión das privatizacións”. Fronte a esta situación, a fronte nacionalista aposta por avanzar cara á remunicipalización mediante a creación dunha Empresa Pública Municipal de Servizos que inicie o estudo para o rescate de concesións como o transporte urbano e o abastecemento de auga.
Entre outras actuacións, propoñen tamén nas súas emendas a creación de tres novas escolas infantís municipais diante da crecente demanda en barrios como Balaídos, Teis ou no Calvario. Aliás, piden poñer en marcha dous novos centros cívicos en Navia e no Calvario, así como destinar recursos para reconverter a antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid nun espazo para usos sociocomunitarios.

Axenda feminista

No relativo ás políticas feministas do Concello de Vigo, as emendas nacionalistas buscan recoller o mandato do movemento feminista e dos masivos 8 de marzo na cidade para destinar ‘máis recursos e menos discursos’ que faga da axenda feminista unha prioridade. Así, o BNG propón aumentar un 4.900% a partida para campañas de sensibilización en contra da violencia machista de apenas 3 mil euros. “Menos do que se gasta o Concello en atencións protocolarias”, afeou o portavoz municipal do Bloque.
No mesmo camiño, o Bloque pide aumentar os fondos para o Plan Municipal de Igualdade de Oportunidade, crear un novo Programa de apoio a mulleres vítimas de violencia machista e un Plan de Apoio aos Coidados. Do mesmo xeito, chaman a ampliar os recursos para o Servizo de Axuda no Fogar, o convenio coa Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e a posta en marcha de dous novos Centros de Información ás Mulleres nos barrios de Coia e Teis.
Reverter a desertización cultural
As alternativas do BNG ao proxecto de contas de Caballero inclúe tamén unha ampla batería de propostas para “reverter a desertización cultural” da cidade nos últimos anos. A fronte nacionalista demanda duplicar os recursos para a programación do Auditorio Municipal, o impulso da Rede Museística e actuacións de apoio aos grupos locais e cunha oferta atractiva para a mocidade.
Entre elas, Igrexas destacou a realización dunha Feira das Artes Plásticas e Visuais, a organización dunha Mostra Atlántica de Danza e Circo, a dinamización da música e o baile tradicional galegos e despregar unha grande Semana da Literartura que converta Vigo na capital galega do libro. Así mesmo, reiteraron a necesidade dunha Rede Municipal de Bibliotecas en todos os barrios, principiando con 4 novas en Valadares, Coia, Navia e Lavadores, e garantindo os fondos para a prometida en Teis.
Mais se hai un “proxecto ambicioso” no ámbito cultural, a xuízo do portavoz municipal do BNG, é a proposta de converter a antiga e abandonada fábrica de pinturas na grande “Fábrica Cultural de Teis”, co obxectivo de poñer 2 mil metros cadrados ao servizo da creación artística.
Vigo moito máis verde
Dende a fronte nacionalista piden nas súas emendas medidas para avanzar cara a unha cidade máis sustentábel e habitábel. “Un Vigo moito máis verde fronte ao arboricidio permanente e o maltrato ao noso medio natural”, defendeu Igrexas. Entre as propostas do Bloque, destaca o reforzo e mellora do transporte colectivo con medidas como facer gratuíto o autobús para as persoas en situación de desemprego e menores de 14 anos.
Aliás, piden despregar dunha vez un Plan Municipal de resposta á emerxencia climática, pasados 5 anos dende a declaración unánime do Pleno, cun programa de axudas para a protección e valorización dos nosos montes que faga realidade o prometido Anel Verde, unha nova senda litoral en Saiáns, un programa de protección do río Lagares e máis recursos para a recuperación de zonas verdes.
E no relativo a VigoZoo, as nacionalistas volven insistir na necesidade de “deixar atrás definitivamente o seu modelo exhibicionista e maltratado”, destinando recursos para transformalo nun centro de recuperación e protección da fauna, na liña da estratexia Zoo XXI, así como manter o convenio coa sociedade protectora que xestionaba o refuxio de animais da Madroa até a súa recente privatización.
Deporte e mocidade
O Bloque traslada tamén emendas para poñer “punto e final ao castigo” que padecen o deporte e a mocidade viguesa. No ámbito deportivo, propón incrementar as partidas para a mellora das instalacións deportivas municipais, diante do mal estado de moitas delas, así como fondos para dotacións prometidas como a reforma das pistas de atletismo de Balaídos, do campo da ETEA, da piscina de Teis e do pavillón deportivo en Matamá, así dotar a cidade dun campo municipal de béisbol e outro de rugby. Aliás, chama a impulsar Escolas deportivas municipais, aumentar as subvencións aos clubs e reactivar o programa Siareiros da Fundación Vigo Deporte.
E fronte ao “desmantelamento” nos últimos anos de boa parte das políticas xuvenís, dende a fronte nacionalista demandan a recuperación dos programas de dinamización como o Súbete ó Castro, o Punto Xove e a Casa da Xuventude e poñer en marcha un programa de actividade de Cultura Moza e outro de Promoción dos grupos locais.

Relacionadas

Regresan as visitas guiadas ao Castro de Santa Trega durante a Ponte da Constitución

0
A oferta de visitas guiadas ao Castro de Santa Trega sempre tiveron unha excelente collida entre veciños e visitantes que escollen A Guarda ou...

Black Friday mosense, solidario con Valencia

0
Os 34 microondas comprados por asociacións, empresas e particulares xa chegaron a destino e se atopan dando servizo ao pobo valencián afectado pola Dana A...

A música do Conservatorio e da Escola de Música de Tui súmase á maxia...

0
O Teatro Municipal e o novo espazo cultural da rúa Camilo José Cela serán os seus escenarios os días 11, 17, 18 e 19...

A Deputación acolle no Pazo provincial a conferencia sobre a vida olímpica de Teresa...

0
A deputada provincial María Ramallo presentou a actividade, que está enmarcada en Unha vida olímpica, unha alianza entre a institución e a piragüista co...

Luis López súmase á convocatoria da Xunta de Galicia no acto “Queremos Ave Vigo-Oporto”

0
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sumouse esta mañá no Auditorio de Afundación de Vigo ao acto convocado pola Xunta de Galicia...

O segundo mercado aberto de comercio local, Queda en Mos, arranca o venres co...

0
Ata 19 negocios mosenses estarán co seu producto do 6 ao 8 de decembro no Pazo de MosMúsica, actividades en familia, obradoiros e artesanía...

Publicacións Relacionadas