“Vigo en Galego x10” recolle dez medidas urxentes para multiplicar a presenza do galego na maior cidade da Galiza
Reclaman ao Goberno municipal de Abel Caballero que deixe de colaborar “por acción e por omisión coas políticas galegófobas da Xunta do PP”
Xabier P. Igrexas: “En Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gustaría que o galego teña cada vez máis uso e espazo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de facer público, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, un decálogo con medidas concretas para que o Concello se converta nun axente normalizador en prol do uso do galego na cidade. Baixo o título “Vigo en galego x10”, o decálogo recolle medidas a nivel administrativo, cultural e social co obxectivo de “multiplicar o uso e espazo da nosa lingua na cidade”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu esta batería de medidas afirmando que “o galego ten futuro en Vigo mais hai que deixar de poñerlle atrancos e promover en positivo o seu uso en todos os ámbitos”.
Igrexas aposta nunha resposta “en positivo” diante da situación de emerxencia lingüística que constatan os baixos niveis de uso do galego na cidade. Para o portavoz municipal nacionalista, o feito de que, tal e como recolle o último estudo do IGE, só o 13,5% da poboación viguesa utilice o galego de forma predominante -a cifra máis baixa das cidades galegas e moi lonxe media galega do 45,5%-, ou que nos menores de 14 anos só 3 de cada 100 usen o galego a diario, “non pode levarnos á frustración nin á resignación”.
“Esta realidade non responde á liberdade nin á vontade social, en Vigo hai unha maioría social que se orgulla do noso idioma e á que lle gustaría que o galego teña cada vez máis uso e espazo”, acrecentou.
Máis galego en Vigo
Co obxectivo de garantir o dereito “de todas as viguesas e vigueses, como galegas e galegos que somos, a podermos vivir plenamente no noso idioma”, desde o BNG demandan que o Concello de Vigo se converta nun verdadeiro axente normalizador en prol do galego e que desista da súa complicidade “por acción ou por omisión” coas políticas galegófobas que aplica a Xunta do Partido Popular.
No decálogo recóllense medidas concretas como o reforzamento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello -que arestora non conta con persoal-, activar o Consello Social da Lingua, a realización dun novo estudo sociolingüístico na cidade -o anterior é de 2002- e actualizar e desenvolver o Plan de Dinamización Lingüística. Tamén propoñen que se garanta a atención pública en todos os servizos municipais en galego e que se aplique a chamada “oferta positiva” para que a lingua galega sexa a primeira opción na atención á cidadanía.
A creación dunha Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos, a posta en marcha dun programa estábel de promoción do uso do galego en Vigo -especialmente entre a mocidade-, promover o uso da lingua no sector comercial e na hostalaría ou desenvolver accións de apoio a neofalantes e ofrecer cursos gratuítos, son outras das propostas.
No decálogo recóllese expresamente a demanda de que se garanta e priorice o uso do galego en todos os eventos públicos organizados ou subvencionados polo Concello.
“Hai que poñer punto e final a feitos tan graves como que a música en galego sexa excluída dos concertos de Castrelos, a ordenanza municipal de normalización lingüística sexa reducida a papel mollado, ou a que o Concello se destinen 5 veces máis recursos para promocionar o inglés que a apoiar a nosa lingua propia”, defendeu Igrexas.
(ANEXASE O DÉCALOGO ÍNTEGRO)
VIGO EN GALEGO X10
Dez medidas urxentes para multiplicar o uso e espazo do galego na cidade
1. Reforzar o Servizo de Normalización Lingüística do Concello, garantindo a súa dotación de medios persoais e materiais.
2. Activar o Consello Social da Lingua
3. Realizar un novo estudo sociolingüístico para analizar a situación en detalle do galego na cidade
4. Actualizar e desenvolver do Plan de Dinamización Lingüística
5. Garantir a atención pública en todos os servizos municipais en galego e a oferta positiva da nosa lingua como primeira opción
6. Crear a Oficina Municipal de Dereitos Lingüísticos
7. Poñer en marcha un programa estábel de promoción do uso do galego na cidade
8. Garantir e priorizar a presenza do galego en todos os eventos públicos e actos culturais organizados ou subvencionados polo Concello
9. Promover o uso do galego a nivel comercial e hostaleiro
10. Desenvolver accións de apoio a neofalantes e ofrecer cursos gratuítos de galego