A fronte nacionalista aposta nun modelo con “alternativas reais” ao uso do coche particular en lugar de “prohibicións, sancións e custosos sistemas de videovixilancia”
Tacha de “ordenanza de Schrödinger” o proxecto do Goberno local por restrinxir o tráfico en catro perímetros ao tempo que aproba excepcións que permiten o tránsito habitual
Xabier P. Igrexas: “Por que insistir en aplicar un modelo fracasado, inxusto socialmente, e que non reduce as emisións porque só despraza algúns tráficos a outras rúas?”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que desista de forma definitiva do seu proxecto de Zonas de Baixas Emisións (ZBE). A fronte nacionalista volve rexeitar o modelo elixido polo Goberno municipal, con catro perímetros restrinxidos aos vehículos que non sexa híbridos ou eléctricos, e aposta por dar “alternativas reais” ao uso do coche particular en lugar das “prohibicións, sancións e custosos sistemas de videovixilancia”.
Así o esixiu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que tachou de “ordenanza de Schrödinger” a proposta de ZBE aprobada de forma inicial este pasado luns. “O modelo de Caballero restrinxe e ao mesmo tempo permite; prevé multas pero non as vai aplicar no inmediato; e deseña uns perímetros con tantas excepcións que a norma vai ser que se poida transitar como até o de agora por eles”, cuestionou.
Igrexas denunciou “anos de opacidade” durante a tramitación da ordenanza, tras as negativas do alcalde de convocar os órganos de participación na materia como os Consellos Sectoriais de Transportes, de Medio ambiente e de Accesibilidade. “Por que insistir en aplicar un modelo fracasado, inxusto socialmente e que non reduce as emisións, senón que o único que fai é desprazar algúns tráficos a outras rúas?”, afeou.
Hai alternativa ás multas
Desde o BNG reiteraron que “hai alternativa” ao modelo de ZBE de Caballero apostando por unha política de mobilidade que facilite opcións reais fronte ao uso do coche particular en toda a cidade: con máis transporte público, máis espazos peonís e facilitando o uso da bicicleta ou dos vehículos de mobilidade persoal. “Unha alternativa que faga de toda a cidade unha zona de baixas emisións, unha zona de ben estar como defende a Rede de Cidades que Camiñan e que leva anos aplicando Pontevedra con éxito”, afirmou Igrexas.
Por este motivo, o portavoz municipal nacionalista chamou a destinar os 5,5 millóns de euros “dilapidados en debuxar uns perímetros inxustos e inútiles” a reforzar e mellorar o transporte público. Aliás, pediu actualizar o Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel, após cinco anos sen revisar, para definir alternativas para reducir ao mínimo o tráfico en vehículo particular en Vigo.
Vigo Ecodriving 2030, proxecto pantasma
Igrexas cuestionou tamén o denominado ‘Vigo Ecodriving 2030’, un “proxecto pantasma” incluído na ordenanza municipal das ZBE. Desvelou que o propio documento recolle que non se vai destinar nin un só euro nin dotar de máis persoal no servizo de tráfico para poñelo en marcha. No seu lugar, defendeu a necesidade de medidas que permitan avanzar a Vigo cara a unha “mobilidade máis sustentábel, menos ruidosa e contaminante para lograrmos unha cidade moito máis habitábel, verde segura”.

