Formula 15 emendas ao proxecto de ordenanza para suprimir os “agasallos fiscais” e destinar o 40% da recadación a políticas de acceso á vivenda, entre outras medidas
Xabier P. Igrexas: “Fronte ao turismo masificado que promove Abel Caballero, o BNG propón unha taxa turística xusta, útil e inmediata en favor dos intereses de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta 15 emendas ao proxecto de ordenanza de taxa turística de Vigo diante da proposta do Goberno municipal que tacha de “simulacro de mínimos”. A fronte nacionalista reclama aplicar o máximo legal do recargo, suprimir os “agasallos fiscais” e destinar o 40% da recadación a políticas de acceso á vivenda, entre outra medidas.
“Mentres a veciñanza de Vigo sofre as consecuencias da saturación turística, a masificación do centro e unha emerxencia habitacional sen precedentes, o alcalde prefire protexer as contas de resultados das navieiras e dos grandes operadores turísticos por riba dos intereses da cidade”, valorou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.
Dende o BNG advertiron de que o Goberno de Abel Caballero quere converter a taxa turística nun “mero trámite burocrático para cubrir expediente”, cuestionando que se fixe só o 72% do máximo por lei para, e tamén que se inclúan aprazamentos no recargo aos cruceiros até xullo de 2027 e rebaixas para as estancias longas.
Igrexas urxiu por contra a aprobar un instrumento que actúe fronte á “masificación turística” na cidade, que está a presionar os servizo públicos, encarecer a vivenda (con 7 pisos turísticos por cada alugueiro residencial dispoñíbel), empurrar a xentrificación dos barrios, prexudicar a calidade de vida e ter un elevado impacto ambiental.
Medidas do BNG
As emendas do Bloque reclaman por estes motivos que se aplique o 100 % legal do recargo co obxectivo de que que o turismo contribúa de forma proporcional ao custo real que xera. Esixen tamén que se supriman os períodos de carencia contemplados no proxecto do Goberno local, que cualifica de “agasallos fiscais” aos cruceiros e de “válvulas de escape” ás estancias longas.
E sobre o destino da recadación da taxa, propoñen adicar un 40 % a políticas de acceso á vivenda e control efectivo das vivendas de uso turístico, e o resto a reforzar a limpeza e o mantemento dos espazos públicos, alargar a protección do medio ambiente e o patrimonio cultural da cidade, así como promover un turismo racional e sustentábel.
“Fronte ao turismo masificado que promove Abel Caballero, no seu afán por seguir a reducir Vigo a un parque temático para visitantes, o BNG propón unha taxa turística xusta, útil e inmediata en favor dos intereses de Vigo”, asegurou Igrexas, aclarando que “non queremos penalizar o turismo senón compensar os custos que xera na cidade”.
Contías inferiores á Coruña e Santiago
O proxecto da taxa turística de Vigo contempla contías inferiores ao resto de cidades galegas, con apenas 1,20 euros no caso dos cruceiros, e deixa fóra milleiros de euros que a xuízo da fronte nacionalista deberían financiar servizos públicos esenciais e políticas activas de vivenda.
Dende o BNG sinalaron que no caso da Coruña e de Santiago de Compostela, que xa aplican a taxa turística, tampouco se “inventaron aprazamentos nin rebaixas inxustificadas” como na proposta de Vigo. No caso de Santiago, financia a mobilidade sustentábel e a protección do patrimonio histórico mentres que na Coruña os ingresos vanse destinar en limpeza, seguridade e mellora do espazo público.
Transparencia
Outro dos aspectos que o Bloque pide mellorar no proxecto de ordenanza é a “transparencia e democracia” na súa aplicación. Así, piden dar voz na comisión de seguimento da taxa á veciñanza, sindicatos e colectivos ecoloxistas, e non só ás empresas do sector, ademais de garantir tamén a representación de todos os grupos políticos da Corporación. Aliás, demandan que o Pleno reciba un informe anual detallado de cada euro recadado e do seu destino final.

