A fronte nacionalista vota a prol da iniciativa formulada no Pleno municipal para expresar o seu apoio a que Vigo non quede fóra cando se abra a revisión do mapa de titulacións
Lamenta o rexeitamento á emenda coa que o Bloque buscaba enfocar con rigor o debate
Xabier P. Igrexas: “Unha cuestión tan complexa non se resolve con golpes de peito”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defendeu este xoves no Pleno municipal a descentralización da docencia clínica como paso para avanzar cara a Facultade de Medicina en Vigo. Na sesión extraordinaria convocada polo alcalde, a fronte nacionalista votou a prol da iniciativa, a pesar de discrepar dos termos do texto, para expresar o seu apoio a que Vigo non quede fóra da futura revisión do mapa de titulacións universitarias.
“Todo un catedrático como Abel Caballero sabe que unha cuestión tan importante como complexa, como é a planificación e ordenación dos estudos universitarios, non se resolve nin con bravatas nin con golpes de peito”, afirmou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Por este motivo, subliñou, o Bloque formulou unha emenda para contribuír a abordar con “rigor e seriedade” este debate, que foi rexeitada polo PSOE.
Igrexas asegurou que a demanda dunha Facultade de Medicina é unha “reivindicación lexítima” da cidade. Porén, lamentou que Caballero decidise “pasar por riba” da autonomía universitaria cuestionando a posición defendido polo propio reitor da Universidade de Vigo (UVigo). “O señor Reigosa ten demostrado moita máis visión de cidade e de país, moita máis altura institucional que o alcalde de Vigo”, afeou.
A emenda nacionalista apoiaba nese sentido dar pasos na descentralización efectiva da docencia clínica, executando así o acordo atinxido no ano 2015 entre a Xunta de Galiza e as tres universidades galegas. Unha medida que, a xuízo do voceiro do Bloque, permitiría cursar 4º, 5º e 6º de Medicina nos hospitais públicos da área de Vigo no curto prazo. Acusou así á Xunta do PP de “deliberada inacción” como razón deste incumprimento.
Aliás, o BNG pediu apoiar a posición institucional defendida polo reitor da UVigo sobre a necesaria revisión do mapa de titulacións para ampliar as prazas públicas de Medicina. Un obxectivo que, considerou Igrexas, só será posíbel dende o consenso e a colaboración dentro do sistema universitario galego e co imprescindíbel incremento de recursos por parte do Goberno galego. “Non será unha afirmación antivigo do reitor, que é o máximo responsábel académico”, avisou.
Outro dos puntos defendidos pola fronte nacionalista buscaba pechar a porta a que universidades privadas abran Facultades de Medicina na Galiza. “Algo importante que o PSOE quere esquivar”, matizou o voceiro municipal do Bloque. Afeou nese sentido os motivos detrás do Pleno extraordinario, asegurando que o alcalde buscaba “chapotear nunha nova polémica despois da histórica envainada coa sede do Mundial após a súa visita ás Rozas”.
Insuficiencia de prazas
O portavoz do BNG expuso datos para evidenciar o insuficiente número de prazas públicas para estudar Medicina en Galiza. De 3.000 aspirantes cada ano, apenas existen 400 prazas na Universidade de Santiago. Todo nun contexto, advertiu Igrexas, no que Galiza está á cola de médicas e médicos do Estado, con só 5 comunidades autónomas, xunto a Ceuta e Melilla, con menos persoal facultativo por 100 mil habitantes. Referiuse tamén ás futuras xubilacións no sistema pública, coa metade do persoal médico superando os 55 anos e o 30% con previsión de xubilarse na vindeira década. Culpou desta situación ao Goberno galego, afirmando que este problema é consecuencias da política de recortes e precariedade imposta polo PP.