O BNG denuncia que a propaganda do PP sobre o Punto Limpo choca coa realidade que atopa a veciñanza

Redacción

O BNG da Estrada denuncia que a imaxe de modernidade e boa xestión que o Partido Popular quixo trasladar durante a visita da conselleira de Medio Ambiente non ten nada que ver coa realidade que atopan os veciños e veciñas que utilizan habitualmente o punto limpo municipal.

Segundo o candidato nacionalista á Alcaldía, Marcos Borrageros , “a propaganda dura un día, pero a realidade está aí todos os días”.

Os nacionalistas denuncian que persoas que acudiron recentemente ao punto limpo para depositar residuos comprobaron que as instalacións carecen de auga corrente , unha carencia incomprensible nun servizo destas características e especialmente preocupado durante os meses de verán, cando aumenta o risco derivado das altas temperaturas e da acumulación de determinados residuos.

O BNG asegura tamén que, segundo puideron comprobar os propios usuarios, na véspera da visita institucional retiráronse con maquinaria e camións as grandes acumulacións de residuos existentes na contorna das instalacións , nun intento de ofrecer unha imaxe que non se corresponde co estado habitual do recinto.

“Se foi necesario limpar a toda a présa o día anterior á visita da conselleira, é porque había un problema. O que non vale é maquillar a realidade durante unhas horas para facer unha fotografía”, afirma Borrageros.

A formación nacionalista lembra ademais que segue sen executar unha parte importante das subvencións concedidas para mellorar o punto limpo , entre elas a construción dun recinto cuberto, polo que resulta aínda máis difícil entender que o Goberno municipal presente estas instalacións como un exemplo de xestión.

“É unha auténtica desfachatez que a conselleira e o señor Louzao pretenden poñer como modelo un punto limpo que presenta carencias tan básicas como a falta de auga. Os veciños non precisan propaganda; precisan servizos públicos ben xestionados”, conclúe o candidato do BNG.

Comparte este artigo