Marga Caldas e Gregorio Agís presentan unha proposta conxunta que reclama unha adhesión sen ambaxes do resto de grupos da Corporación
Subliñan que os insultos e o trato denigrante non poden quedar sen consecuencias
O BNG e o PSOE de Poio veñen de promover unha declaración institucional conxunta para condenar os insultos e o trato denigrante dirixidos polo patrón maior de Raxó contra unha profesional do sector do mar e reclamar que se esclarezan os feitos e se depuren as responsabilidades que correspondan. A iniciativa, asinada pola voceira nacionalista Marga Caldas e polo portavoz socialista Gregorio Agís, será sometida mañá á consideración do Pleno municipal e solicita a adhesión do resto de grupos da Corporación para trasladar unha posición firme e inequívoca fronte aos comportamentos vexatorios.
O texto expresa o rexeitamento dos dous grupos municipais ás expresións atribuídas ao patrón maior e subliña que ningunha discrepancia profesional ou persoal pode xustificar os insultos, a humillación nin o menosprezo. A proposta defende que o respecto á dignidade das persoas debe presidir todas as relacións profesionais e sociais, unha esixencia especialmente relevante para quen exerce responsabilidades de representación.
O BNG e o PSOE consideran que a gravidade dos feitos require unha resposta clara das institucións e das entidades representativas do sector. Por iso, instan o resto de grupos políticos da Corporación de Poio a sumarse á declaración sen ambigüidades nin matices que desvirtúen a condena destas condutas. A iniciativa busca que o Concello de Poio transmita unha mensaxe inequívoca: os insultos, a intimidación e o trato denigrante non poden normalizarse, minimizarse nin tolerarse.
A declaración tamén pon o foco na situación das mulleres do mar, unha parte esencial da identidade, da economía e da vida social de Poio. Neste sentido, reivindica o seu dereito a desenvolver o seu traballo, expresar libremente as súas opinións e defender os seus intereses en condicións de igualdade, sen sufrir intimidacións, descualificacións persoais nin comportamentos que pretendan silencialas ou menosprezar a súa participación.
A proposta conxunta reclama que se esclarezan os feitos con rigor e coas debidas garantías para todas as persoas implicadas, e que os órganos competentes adopten as medidas que correspondan. Ademais, establece que, de confirmarse as expresións atribuídas ao patrón maior, resulta necesaria unha desculpa expresa á persoa afectada e a asunción das responsabilidades pertinentes.
“Non abonda con expresar solidariedade coa afectada: cómpre actuar, asumir responsabilidades e garantir que estas condutas non queden impunes”, insiste o BNG de Poio, que xa reclamara dende o primeiro momento unha resposta firme ante uns feitos que considera incompatibles co exercicio de responsabilidades representativas no sector do mar.
A declaración insta tamén as entidades representativas a garantir espazos de traballo e participación baseados no respecto, no diálogo e na igualdade, así como a actuar fronte a calquera comportamento intimidatorio ou denigrante. Ao mesmo tempo, buscar reafirmar o compromiso do Concello coa igualdade entre mulleres e homes e coa defensa dunha convivencia libre de violencia e discriminación.
A iniciativa conclúe cunha afirmación contundente sobre a que BNG e PSOE queren construír unha posición compartida de toda a Corporación: “o respecto á dignidade das persoas é irrenunciable”. Por iso, a declaración será trasladada tanto á profesional afectada como á Confraría de Pescadores de Raxó, co obxectivo de deixar constancia do apoio institucional e da necesidade de que se actúe ante uns feitos desta gravidade.

