Demanda actuacións urxentes para garantir a seguridade e permitir a impartición das aulas ante os graves problemas que están a xerar os traballos no centro educativo
Alexandra Fernández: “É consecuencia dunha pésima planificación da Consellaría”
Xabier P. Igrexas: “O Goberno galego do PP continúa a castigar o ensino público en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe solucións inmediatas da Xunta de Galiza do PP diante do “desastre” que están a provocar as obras no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar actuacións urxentes que garantan a seguridade e a impartición das aulas, afectadas polos traballos.
A deputada do BNG Alexandra Fernández acusou a Consellaría de Educación de realizar unha “pésima” xestión e planificación das obras, un feito que denunciou se repite en numerosos centros educativos públicos. As obras no CIFP Manuel Antonio foron anunciadas en xullo de 2024 pero non se iniciaron até hai unhas semanas, coincidindo co inicio do curso, xerando situacións de risco para o alumnado e o profesorado.
Dende o Bloque trasladan as denuncias da comunidade educativa pola falla de seguridade e a imposibilidade de desenvolver a actividade docente nestas condicións, mesmo véndose na obriga de suspender aulas nos primeiros días lectivos. Alertan así de constantes poeiras que afectan á calidade do aire, ruídos que afectan ao decorrer das clases, filtracións de auga e caída de cascotes, entre eles un episodio polo derrubo dun falso teito que estivo a piques de caer sobre o alumnado nun dos talleres.
Nese sentido, a deputada nacionalista reclamou explicacións pola falla de avances nos traballos de reforma durante o verán, aproveitando o peche do centro, e advertiu de que se poden alargar até a primavera de 2026, cando a previsión era finalizar as obras en decembro deste ano.
“Castigo ao ensino público de Vigo”
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, enmarcou esta situación nas políticas de “castigo ao ensino público” na cidade por parte da Xunta de Galiza do PP. “Primeiro aplicando unha política de abandono, desatendendo durante moito tempo as demandas por parte dos centros educativos para rehabilitar e mellorar as súas instalacións, e agora coa súa absoluta incompetencia”, lamentou en referencia ao “desastre” que están a provocar as obras no CIFP Manuel Antonio.
As iniciativas do Bloque demandan que o Goberno galego corrixa de inmediato estes problemas e adecúe os traballos para permitir o correcto desenvolvemento da actividade lectiva e garantir o cumprimento das normativas en materia de prevención de riscos laborais, seguridade e saúde no traballo, sen que se vexa afectada a calidade educativa.



