Marga Caldas advirte que o prezo da auga chegará a duplicarse e anima ás familias a levar ás reunións do Bloque os seus últimos recibos para calcular canto pagarán coa nova suba
O primeiro encontro será o xoves 20 ás 20.30 na Casa Museo de Colón en Portosanto
O BNG de Poio vai iniciar unha campaña informativa por todas as parroquias para explicar como afectará á veciñanza o ‘taxazo da auga’ que quere impoñer o goberno de Moldes. A voceira Marga Caldas anima a veciñas e veciños a acudir aos encontros cos seus propios recibos para facer os cálculos e comprobar que os importes a pagar nos próximos anos chegarán a duplicarse. A primeira reunión será o xoves 20 ás 20.30 na Casa Museo de Colón en Portosanto.
A portavoz explica que o Bloque decidiu poñer en marcha a campaña informativa porque a subida do recibo supón un incremento “brutal” con respecto ao que a cidadanía paga na actualidade, “mentres, sen embargo, o goberno de Moldes nega a maior, agocha os datos obxectivos e engana á cidadanía ao presumir de cara á galería que baixa impostos”.
Caldas denunciou xa no último Pleno que os informes técnicos demostran que o PP ten preparado duplicar o prezo do servizo para poñer en marcha o novo contrato de abastecemento da auga. Segundo asegura, será “un atraco” que chegará a roldar os 100 euros por familia e recibo, xa que o pago incrementarase un 100% porque o consumo da auga pasará a cobrarse en dous conceptos: o de abastecemento e o de saneamento.
Nestes momentos, abonda Caldas, o recibo inclúe dúas cotas fixas (abastecemento e saneamento) e o cargo por metro cadrado só polo subministro. Coa entrada en vigor do novo contrato, o PP pasará a subir as dúas cotas fixas e os metros consumidos en máis dun 30%, pero cobrará tamén por metro cúbico polo concepto de saneamento. Desta maneira, ao duplicarse os conceptos, unha familia que actualmente no 2025 pague 248 euros anuais pasará a pagar no 2026 e no 2027 uns 396 euros, e chegará a abonar máis de 531 euros en 2028. O prezo da auga, a maiores das cotas fixas, chegará a un euro por cada metro cúbico.
O BNG quere explicar esta subida á veciñanza de maneira clara e directa para que se coñeza a realidade “sen terxiversar”. Por iso chaman ás reunións informativas que se celebrarán dende a semana próxima en todos os lugares e as parroquias. A primeira reunión convocada polo Bloque será en Portosanto, na Casa Museo de Colón, o vindeiro xoves día 20 ás oito e media da tarde.
A formación nacionalista pide que as familias leven os seus últimos recibos para poder facer os cálculos e comprobar así de maneira inmediata, directa e transparente como lles vai afectar o ‘taxazo da auga’. A intención é poñer exemplos de cal é o importe do recibo actual e “deixar en evidencia os números dese mesmo recibo coa suba de Moldes aplicada”.
Caldas destaca que o ‘taxazo da auga’ é a consecuencia do modelo que quere impoñer o PP para o contrato da auga. Lembra a nacionalista que o Bloque está a favor de actualizar e mellorar o abastecemento, pero cun proxecto que non repercuta no peto das familias. “Cando estabamos na Alcaldía deixamos o contrato preparado para sacalo adiante de maneira legal sen que supuxera un auténtico roubo á veciñanza. Temos un modelo BNG que é máis sustentable economicamente para a xente. E iso ímolo explicar nas reunións”, subliña a voceira nacionalista.