Van xa moitos meses da licitación das obras de acondicionamento da marxe esquerda da rúa Ameixeiras, que permitirá no futuro, mediante a creación dunha beirarrúa, mellorar notablemente a seguridade viaria da veciñanza de Vilaxoán e Sobradelo e, moi especialmente, do alumnado matriculado no IES Armando Cotarelo, que todos os días lectivos está exposto aos riscos do intenso tráfico de turismos e camións nesta vía.
O proxecto orixinal de acondicionamento, que tería que chegar ata o campo de fútbol de San Martiño, unha vez resoltos os atrancos da retirada dos postes de subministro eléctrico, adoece dunha parálise nas negociacións coa Igrexa, que é a titular dunha parcela que permitiría completalo.
Non acertamos a comprender, igual que acontece coa cidadanía, como as dúas institucións que están condenadas a entenderse polo ben social non acaden un acordo que desbloquee esta situación de parálise.
O BNG instará ao concello a que resolva esta situación e ofrece a súa dispoñibilidade, tanto ás asociacións veciñais, como ao concello e a igrexa para acadar unha solución que remate co problema de tal dimensión de inseguridade viaria para a veciñanza e, especialmente para o alumnado do instituto.