A voceira Sol Seoane pregunta ao alcalde de Ponte Caldelas que fixo cos cartos das empresas que lle pagaron a auga ao Concello se non abonou o canon a Pontevedra
O BNG de Ponte Caldelas amosouse hoxe atónito ante a falta de xestión do Concello sobre o abastecemento de auga ao polígono da Reigosa. A voceira Sol Seoane pide explicacións a Andrés Díaz sobre os motivos polos que non negociou melloras no convenio da auga con Pontevedra, que levaba cinco anos caducado, antes de acumular un millón de euros de débeda e ter un aviso de cese de subministro ás portas.
Seoane considera que Díaz caíu nunha total pasividade “ata que o problema o está a comer” e demostrou ser un “pésimo xestor”, xa que o acordo da auga con Pontevedra asinouse en 2015 por un prazo de cinco anos. Dende a extinción do mesmo, seguíronse recibindo os servizos sen que se modificasen as condicións económicas do subministro.
A nacionalista destaca que, se tan nocivas e abusivas eran as cláusulas dese acordo, durante a vixencia do convenio e incluso despois, mentres se mantivo o subministro con ese caducado, o rexedor puido poñerse en contacto coa administración capitalina e denunciar as irregularidades que agora argumenta. Salienta que resulta chocante que sendo Ponte Caldelas o municipio afectado, en lugar de tomar a iniciativa e buscar mellores prezos para a auga, o alcalde critique que o Concello de Pontevedra non fose o que se puxese en contacto.
O único movemento de Díaz, lamenta a voceira do BNG, foi deixar de pagar o canon establecido, co que o Concello acumulou unha débeda dun millón de euros, o que supón o 20% do orzamento anual de Ponte Caldelas deste ano. A pesares disto, apunta Seoane as empresas do polígono da Reigosa seguiron pagando ao Concello de Ponte Caldelas as súas cotas. “Que fixo cos cartos das empresas se non se abonou o canon a Pontevedra?”, cuestiona a voceira, que prevé inminentes e graves problemas económicos para as arcas locais, que quedarán hipotecadas no caso de que, xa por vía administrativa ou xudicial, o Concello teña que facer fronte ao pago das reclamacións lerezanas.
Finalmente, e ante o claro desencontro entre Díaz e Pontevedra, que derivará nun corte de subministro se non hai un pago dos atrasos, dende o Bloque piden ao rexedor que explique que solucións vai dar ás empresas da Reigosa que van quedar sen auga e, polo tanto, sen actividade.
Lembra a responsable nacionalista que o subministro é fundamental para todas por cuestións de salubridade e produción, resaltando que firmas punteiras como Setga, Aludec, Orbe, Arnoia, ou Cristal Pontevedresa están instaladas no polígono.
O BNG pide a Díaz que explique por que non negociou melloras no convenio da auga con Pontevedra, que levaba seis anos caducado, antes de acumular 1 millón de euros de débeda de Ponte Caldelas non tivo en ningún momento ningún interese en forzar o convenio, como sinala Díaz. “No Bloque estabamos de acordo na firma porque as empresas precisaban a auga, mais en ningún momento forzamos nada. Cos nosos dous votos non se aprobaba”, subliñou.