HomePontevedraO BNG pide coordinar un sistema aeroportuario galego que potencie Peinador tras...

O BNG pide coordinar un sistema aeroportuario galego que potencie Peinador tras a marcha de Ryanair 

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista traslada iniciativas ao Parlamento galego nas que reclama cooperación entre Administracións para superar o modelo “fracasado” de subvencións

Paulo Ríos: “As necesidades de mobilidade en Galiza non poden quedar da man de aeroliñas que só atenden os seus intereses lucrativos”

Xabier P. Igrexas: “O problema non se vai resolver cun novo intercambio de reproches partidistas entre as diferentes Administracións”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama a intervención da Xunta para articular un sistema aeroportuario tras a marcha de Ryanair. A fronte nacionalista vén de trasladar unha batería de iniciativas ao Parlamento galego co fin de garantir o futuro dos tres aeroportos, potenciando o papel de Peinador como terminal referente para a mobilidade no sur galego e na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Así o defendeu en declaracións aos medios o deputado e portavoz de Transportes do BNG, Paulo Ríos, asegurando que a saída da compañía irlandesa dos aeroportos galegos evidencia a necesidade dunha “planificación sensata e coordinada” fronte á “chantaxe” das aeroliñas privadas. “É prexudicial para o interese xeral que un servizo desta importancia dependa dos intereses lucrativos de empresas como Ryanair”, afirmou.

Ríos demandou ao Goberno galego que exerza as súas competencias e tome a iniciativa para poñer en marcha, en colaboración cos concellos e co Executivo estatal, alternativas de futuro para o sistema aeroportuario galego. Neste sentido, chamou a apostar por un modelo que “rache coa competencia” entre terminais galegas, cunha planificación “dialogada e racional” que desenvolva os usos e potencialidades de cada aeroporto.

O deputado nacionalista insistiu en que as necesidades de mobilidade de Galiza “non poden quedar da man de aeroliñas que só atenden os seus beneficios”. Lembrou a ese respecto que o transporte aéreo é unha “peza chave” para contar cun servizo áxil e moderno que vertebre Galiza, diante da situación do transporte por estrada e por tren que, lamentou, dificulta determinados desprazamentos aos que hoxe dá resposta o avión.

Peinador, referente na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou unha decidida actuación pública de todas as Administracións para asegurar unha axeitada conexión aeroportuaria dende Vigo, como área de maior dinamismo social, económico e produtivo de Galiza.

“Non abonda con lamentarse, nin con criticar; o problema non se vai resolver cun novo intercambio de reproches partidistas entre as diferentes administracións”, cuestionou Igrexas en relación ás acusacións entre os Gobernos galego e español tras o anuncio de Ryanair. “O Executivo de Rueda non pode continuar de brazos caídos”, defendeu.

Esta situación demostra o “fracaso” do modelo de subvencións, a xuízo do portavoz nacionalista. “Parece claro que a solución non virá das aeroliñas privadas que só actúan como Ryanair, de maneira caprichosa en función dos seus beneficios”, afeou Igrexas.

Por este motivo, o Bloque reiterou a necesidade de “colaboración institucional” para articular un sistema aeroportuario galego que potencie as tres terminais, e sitúe Peinador como o aeroporto “referente” para a mobilidade na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

O portavoz do BNG volveu urxir tamén do Goberno español medidas concretas para modernizar o aeroporto de Vigo, mellorar os seus accesos e a conectividade intermodal, permitir a apertura 24 horas e potenciar o transporte de mercadorías.

Publicacións Relacionadas