Os nacionalistas marcan emprazamentos e lugares en todas as parroquias nos que existe unha preocupante falta de limpeza e mantemento pola falta de xestión e de interese do Goberno de Telmo Martín por todo o que non sexa o núcleo de Sanxenxo
O Bloque estrea esta campaña na praia da Carabuxeira, que non deu os resultados aceptables para ser definida como zona de baño e cuxa rexeración é unha demanda histórica da veciñanza que o Partido Popular segue sen facer realidade máis de dúas décadas despois
Os responsables, concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo estrean unha nova campaña para visibilizar o abandono e a falta de limpeza e mantemento ao que ten sometido o Goberno de Telmo Martín á meirande parte das parroquias do concello. Para dar a coñecer esta situación, os membros do grupo da oposición están a instalar bandeiras negras en espazos públicos que precisan de arranxos ou dunha posta a punto e que seguen totalmente abandoados, a pesares de que, en moitos casos, ese mal estado foi denunciado en máis dunha ocasión pola veciñanza.
O Bloque estrea esta campaña na praia da Carabuxeira, un dos poucos areais de Galicia calificado como non apto para o baño, ao non cumprir cos parámetros mínimos no que a calidade da auga se refire e que establece a Consellería de Sanidade. Este feito tamén se ten repetido en máis dunha ocasión na praia de Nanín. Tal e como explicaron os nacionalistas ao izaren estas primeiras bandeiras, “este é un problema que non é puntual, senón que xa se ten producido en varias ocasións e que o señor Telmo Martín non sabe ou non quere solucionar. Ao alcalde gústalle presumir dos miles de euros que se invisten en bandeiras azuis e da masificación que hai en Silgar e nos arredores, a Carabuxeira están totalmente abandoada, a pesares de ser un areal que tamén é moi frecuentado por veciños, veciñas e visitantes”, sinala o grupo da oposición. O caso da Carabuxeira é especialmente grave, xa que a súa rexeración segue sen acometerese, a pesares de levar máis de dúas décadas perdendo area polo exceso de construción do dique de abrigo do Porto Deportivo. “Outra herdanza máis das nefastas consecuencias da política de formigón de Telmo Martín”, denuncia o voceiro do BNG, Fran Leiro.
Os nacionalistas informan de que nas vindeiras datas irán izando máis bandeiras negras en diferentes emprazamentos do concello. “Por desgraza, hai moito onde elixir, especialmente nas parroquias do rural, que están a monte porque ao señor alcalde só lle interesa Silgar e o Porto Deportivo”, lamentan desde o Bloque. Isto provoca que existan un gran número de espazos públicos totalmente deteriorados e que non se adecentan. “Son, en moitos casos, lugares que no seu día se inauguraron e que só serviron para que Telmo Martín e os membros do Goberno do PP se fixeran a foto de rigor, sen amosar o máis mínimo interese en realizar o mantemento posterior necesario”. Entre estes espazos abandoados atópanse camiños sen arranxar ou desbrozar, sendas en mal estado ou infraestruturas deportivas que precisan dun arranxo urxente.
Desde o BNG explican que esta campaña ten coma obxectivo dar visibilidade a estas zonas e que sirva como método para que o Goberno local actúe, habida conta de que “Telmo Martín xa demostrou en varias ocasións que só toma decisións en base ao que desde o Bloque denunciamos”. Son espazos cuxo mal estado foi denunciado pola veciñanza nas reunións informativas que mantivo o grupo da oposición en todas as parroquias de Sanxenxo entre os meses de abril e xuño. Os nacionalistas animan á poboación a que, en caso de que detecten algunha zona que se atope en mal estado, se poña en contacto para “deixar patente a nefasta xestión de cemento e formigón de Telmo Martín e para que poidamos promover o seu arranxo”.