HomePontevedraO BNG reclama á Xunta que garanta as prazas públicas nos centros...

O BNG reclama á Xunta que garanta as prazas públicas nos centros de ensino de Vigo cunha nova zonificación

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego para corrixir o déficit actual e que o alumnado poida cursar estudos o máis preto posíbel do seu fogar en todas as etapas

Alexandra Fernández: “A actual zonificación escolar está obsoleta tras 26 anos de vixencia”

Xabier P. Igrexas: “A Xunta ten que deixar de privilexiar a oferta educativa privada”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama á Xunta de Galiza que garanta prazas públicas en todos os centros educativos de Vigo cunha nova zonificación escolar. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para demandar do Goberno do PP que corrixa o déficit actual, garantindo que o alumnado poida cursar estudos o máis preto posíbel do seu fogar en todas as etapas.

“A actual zonificación escolar de Vigo está totalmente obsoleta logo de 26 anos de vixencia”, valora a deputada do BNG, Alexandra Fernández. Un período no que a cidade mudou tanto na súa extensión como na súa distribución demográfica provocando que esta “arcaica e errática” zonificación non dea resposta ás necesidades actuais.

Dende o Bloque afearon a falla da avances pese os numerosos anuncios por parte da Xunta para modificar esta zonificación. Un novo deseño dos centros escolares que, a xuízo da deputada nacionalista, debe elaborarse en diálogo permanente e co consenso da comunidade educativa.

Fernández chamou nese sentido a establecer unha oferta máis equilibrada entre as diferentes etapas, diante da escaseza de prazas públicas para os cursos da ESO e a oferta ampliada para Bacharelato. “Esta decisión ten como obxectivo adecuar a oferta pública ás necesidades do sistema educativo privado, o que implica que haxa moitos rapaces e rapazas que queren acceder na etapa da ESO ao seu IES público máis próximo e que non teñen praza, por mor de que esas aulas se reservan para acoller en bacharelato ao alumnado do sistema privado”, denunciou.

Outro dos factores que motivan a demanda do BNG ten a ver coas dificultades de mobilidade, como factor importante á hora de escoller os centros de ensino. A deputada nacionalista asegura que delimitación actual das zonas escolares impide, entre outras cuestións, que os centros poidan transportar alumnado fóra dos límites da súa propia zona escolar. “Un agravio comparativo ao respecto doscentrosprivadose concertados,  que non contan con este tipo de restricións”, afirmou.

Tamén se referiu Fernández ao déficit histórico de centros públicos no centro de Vigo, en beneficio dos centros privados. “Unha futura zonificación debe corrixir esta situación particular e reforzar o peso do sistema público educativo”, defendeu. Unha necesidade de mudanza que, a xuízo da deputada do Bloque, vai aumentar ademais coa futura construción do IES no barrio de Navia “demorada durante anos”.

Reverter a privatización

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou reverter as políticas coas que o Partido Popular desde a Xunta está “promovendo de maneira activa con cada vez máis recursos públicos o ensino privado”.  “A Xunta ten que deixar de privilexiar a oferta educativa privada”, esixiu.

Igrexas defende que a nova zonificación debe ser deseñada co obxectivo de “garantir que o cento por cento do alumnado, de todo o territorio da cidade, poida ter o ensino público como primeira opción”. Aliás, subliña a importancia de que desde a Consellaría de Educación se asuma que cuestións como as aulas matinais, comedor, bus escolar e actividades extraescolares, “hai moito tempo que deixaron de ser servizos complementarios e tórnanse hoxe absolutamente esenciais para garantir a conciliación”.

“Non podemos permitir que unha zonificación obsoleta, a falla de investimento na rede pública e a carencia de servizos, acaben sempre por beneficiar os centros privados que fan da educación un negocio”, remachou.

Publicacións Relacionadas