A fronte nacionalista pide axilizar o traslado do Parque Central de Servizos para permitir a construción das 200 vivendas de promoción públicas comprometidas nesa parcela
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses precisan vivenda accesíbel agora, non podemos aceptar máis demora”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que o Concello de Vigo acelere a posta en marcha das 200 vivendas públicas en Santa Cristina, na parroquia de Lavadores. A fronte nacionalista denuncia que, pasado un ano e medio do seu anuncio, o proxecto apenas rexistrou avances nin tampouco o traslado do Parque Central de Servizos que ocupa a parcela onde se van construír os inmóbeis.
Así o demandou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticando que aínda continúen pendentes o proxecto de urbanización do ámbito e a creación da Empresa Municipal de Vivenda que, segundo anunciou o alcalde, vai ser a encargada de promover as vivendas en Santa Cristina.
Igrexas urxiu a non demorar máis esas vivendas protexidas que, manifestou, suporían un “importante alivio nun mercado que continúa a expulsar a millares de familias e de mozas e mozos por causa dos prezos imposíbeis” dos alugueiros. “As viguesas e vigueses precisan vivenda accesíbel agora, non podemos aceptar máis demora”, subliñou.
Para o inicio da construción dos 200 inmóbeis, o portavoz municipal do Bloque lembrou que é necesario primeiro trasladar o Parque Central de Servizos. Por este motivo, urxiu a que a concellaría de Fomento axilice os trámites para mover as instalacións ao terreo en Severino Cobas comprado polo Concello de Vigo para ese fin.
Agrávase a emerxencia habitacional en Vigo
Dende a fronte nacionalista alertaron de que a emerxencia habitacional continúa a se agravar en Vigo, onde hoxe hai só 286 vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial. “Isto significa que neste momento na nosa cidade xa temos 7 apartamentos turísticos por cada piso alugábel”, advertiu Igrexas.
Os prezos continúan tamén a aumentar, co 80% dos arrendamentos dispoñíbeis por riba dos 700 euros ao mes e con ‘micropisos’ de apenas 40 metros cadrados ofertados entre os 500 e os 1.100 euros por mes.
O portavoz municipal do BNG denunciou ademais unha “nova burbulla especulativa” arredor da vivenda de compra-venda. Segundo os últimos datos, o custo do metro cadrado en Vigo aumentou un 15% durante o último ano, situándose a décimas do máximo atinxido en 2010.
Esixe políticas reais e avances concretos
Igrexas volveu esixir por estes motivos “políticas reais e avances concretos” para dar resposta ao ás preto de 10.000 familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida na cidade, na que lembrou que existen máis de 22.000 vivendas baleiras.
“O gravísimo problema da vivenda non se resolve con anuncios, fotos e titulares da Xunta do PP sobre as mesmas vivendas do Plan Parcial de Navia, das que apenas 400 están nalgunha fase de desenvolvemento”, reprochou, dirixindo tamén as críticas cara as “promesas reiteradas por parte do Goberno de Abel Caballero, que continúa sen ter constituída a Empresa Municipal de Vivenda anunciada hai máis de 300 días”.

