O Pazo de Mos volverá converterse este domingo 7 de xuño nun gran espazo de encontro para as familias coa celebración da décima edición de Canto Conto, un festival que ao longo dos últimos anos se consolidou como unha das citas infantís e familiares de referencia no municipio.
Para conmemorar este décimo aniversario, a organización preparou unha intensa programación que se desenvolverá de maneira continua desde as 12.00 ata as 19.00 horas, combinando concertos, espectáculos, obradoiros, xogos e actividades participativas para tódalas idades.
A xornada arrancará ás 12.00 horas co concerto de Pakolas e as Tripulantes. Ás 13.15 horas celebrarase un scaperoom colectivo dunha hora e media de duración, unha proposta na que poderá participar simultaneamente todo o público asistente.
Ás 13.30 horas aproximadamente, o Grupo Xiada percorrerá o recinto coa súa animación de rúa, enchendo de música, humor e interacción os diferentes espazos do festival. A programación continuará ás 16.00 horas co concerto de Brais das Hortas e ás 17.15 horas con Malabarabilidades, un espectáculo de malabares pensado para sorprender e divertir a pequenos e maiores. O peche musical correrá a cargo de Arigato, que subirá ao escenario ás 18.30 horas.
Ademais das actuacións, Canto Conto contará durante toda a xornada cun amplo programa de actividades paralelas. De 12.00 a 16.00 horas desenvolverase un obradoiro de chapas; de 14.00 a 19.00 horas haberá hinchables; e de 15.00 a 19.00 horas as familias poderán gozar de xogos populares, xogos xigantes e un obradoiro de arxila (de 16.00 a 19.00).
O recinto tamén contará con food trucks de comida e bebida durante todo o día, con opcións adaptadas para persoas celíacas, incluíndo alternativas sen glute.
Desde a organización destacan que esta décima edición está pensada para que as familias poidan vivir unha experiencia completa, permanecendo no festival desde a primeira actuación ata o último concerto, gozando dunha programación continua nun ambiente festivo, participativo e pensado para compartir.

