O CEIP Atín-Cela de Mos foi recoñecido con dous terceiros premios na primeira edición do concurso escolar “A Viaxe de Gotiña”, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra para concienciar á comunidade educativa sobre a importancia da xestión responsable da auga e das traídas veciñais no rural. O centro mosense acadou o terceiro premio na categoría de mural de Educación Infantil e tamén o terceiro premio na modalidade de banda deseñada de Educación Primaria.
A entrega dos galardóns contou coa presenza do deputado provincial de Acción Comunitaria e Impulso Rural, Javier Tourís, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Educación, Julia Loureiro, que quixeron acompañar ao alumnado e ao profesorado neste recoñecemento ao seu traballo e creatividade.
A alcaldesa de Mos felicitou á comunidade educativa do CEIP Atín-Cela polos premios acadados e destacou “o compromiso do centro coa educación en valores, a sustentabilidade e o traballo colaborativo”. Tamén puxo en valor “a implicación do alumnado e do profesorado nun proxecto que combina aprendizaxe, concienciación ambiental e expresión artística”.
O concurso “A Viaxe de Gotiña” estaba dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria da provincia de Pontevedra e tiña como obxectivo fomentar o coñecemento do ciclo da auga e a importancia da conservación das traídas veciñais como patrimonio comunitario.
Desde o Concello de Mos trasladan os seus parabéns a todo o alumnado participante, ás familias e ao equipo docente do CEIP Atín-Cela por estes dous recoñecementos, que sitúan novamente ao centro como referente en proxectos educativos comprometidos co medio ambiente e coa sensibilización social.

