O Concello formaliza a cesión gratuíta de 4.282 metros cadrados da Fundación Guláns e avanza na tramitación urbanística do futuro equipamento asistencial.
O Concello de Ponteareas deu un paso decisivo para a construción do futuro centro de día na parroquia de Guláns, coa formalización da cesión gratuíta dunha parcela de 4.282 metros cadrados por parte da Fundación Guláns, destinada á construción do novo equipamento asistencial. A cesión gratuíta formalizouse hoxe mediante a sinatura da escritura pública de doazón ante notario entre a alcaldesa, Nava Castro, e o presidente da Fundación Guláns, Juan Antonio Rodríguez Varela, e permitirá mellorar a atención ás persoas maiores e ás súas familias na parroquia.
Coa dispoñibilidade da parcela, denominada Formigueira ou Pombal, o Goberno local desbloquea o chan necesario para este equipamento asistencial. De xeito paralelo, a concellería de Urbanismo xa impulsa a tramitación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, o instrumento urbanístico imprescindible para autorizar e executar a obra.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “hoxe damos un paso moi importante para facer realidade o centro de día de Guláns. A Fundación achega os terreos e desde o Concello asumimos o compromiso de impulsar este novo equipamento, que contribuirá a mellorar a atención ás persoas maiores e a calidade de vida das súas familias”. A rexedora quixo tamén agradecer expresamente á Fundación Guláns e ao seu Padroado a súa xenerosidade e colaboración, destacando que “éste é un exemplo de como o traballo conxunto entre as entidades sociais e as administracións públicas permite avanzar en proxectos que benefician directamente á veciñanza”.
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández Táboas, explicou que o Concello xa está a impulsar a tramitación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, instrumento urbanístico necesario para posibilitar a construción do futuro centro de día. “A adquisición dos terreos é un avance fundamental porque nos permite consolidar a dispoñibilidade do solo necesario para desenvolver o proxecto”. “Levamos tempo traballando na súa tramitación urbanística e esta sinatura achéganos un pouco máis ao obxectivo de facer realidade o centro de día de Guláns», destacou a concelleira.
O futuro equipamento permitirá ampliar os recursos asistenciais do municipio, favorecer a autonomía das persoas maiores e facilitar a conciliación das familias, apostando por servizos de proximidade que permitan á veciñanza continuar no seu contorno habitual. Coa formalización desta doazón, o Concello dá un novo paso nun proxecto de interese público que continuará avanzando coa tramitación urbanística e administrativa necesaria para a súa futura execución.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa mellora dos servizos sociais e coa dotación de novos equipamentos públicos nas parroquias de Ponteareas.

