O centro de Negocios de Zona Franca e a renovada praza da Ponte de Lima transformarán o espazo público da vila

Redacción

– Nunha visita á zona, o delegado del Estado na Zona Franca presentou, xunto á alcaldesa, Digna Rivas, o proxecto de execución das obras. A rehabilitación integral do inmoble da Subida á Estación responde á unha histórica demanda empresarial, combinando creación de emprego, innovación tecnolóxica e posta en valor do patrimonio

– A alcaldesa agradeceu o compromiso de Regades e a Zona Franca que dá resposta “a unha demanda histórica do tecido empresarial de Redondela”. Rivas salientou que a contorna do edificio vivirá tamén unha transformación integral cunha nova praza moderna e accesible, un ascensor urbano e un auditorio ao aire libre.

Paso adiante no proxecto do futuro Viveiro e Centro de Negocios de Redondela que impulsa a Zona Franca de Vigo na histórica edificación da Rúa Subida á Estación e a intersección coa avenida Ernestina Otero. Nunha visita á zona, o delegado do Estado, David Regades, acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, confirmou que nas próximas semanas “daremos un paso definitivo coa saída a licitación das obras. Xa temos licencia do Concello e luz verde de Patrimonio polo que, se todo vai ben, poderíamos comezar os traballos a finais de ano ou principios de 2027”. Regades destacou que “non só recuperamos patrimonio cultural e histórico de Redondela, senón que implementamos un modelo de éxito probado, capaz de reter talento, fixar poboación activa e proxectar en Redondela un horizonte de competitividade e emprego cualificado, apostando polo presente e desenvolvendo futuro”.

A alcaldesa, Digna Rivas, agradeceu a Zona Franca e especialmente a David Regades, que dea resposta “a unha demanda histórica do tecido empresarial de Redondela” ao tempo que se recupera un edificio emblemático da vila para a cidadanía “como motor de futuro”.

O proxecto recupera a estrutura orixinal do edificio

O inmoble da Praza da Ponte de Lima transformarase nun equipamento vangardista cun orzamento de case 1,7 millóns de euros. A rehabilitación supón recuperar os volumes orixinais da edificación e vanse demoler engadidos que permiten recuperar o patio interior do inmoble. O “xardín interior” terá unha superficie de 60 m² como un espazo pensado para ser un punto de encontro que permite poñer en valor a estrutura orixinal “e mellorando a conectividade do edificio co espazo público”.

Regades e Rivas presentaron as principais liñas do proxecto de execución do edificio, redactado pola UTE Díaz y Díaz Arquitectos S.L.P. xunto a Castroferro Arquitectos S.C.P., que dotará á vila dun área de coworking, postos individuais e salas multiusos en pleno centro de Redondela.

Os puntos clave son os tradicionais muros de granito exteriores de 50 cm, e unha exixente restauración e mantemento das galerías de madeira orixinais. Reconfiguraranse os espazos interiores nunha volumetría de planta baixa e dous andares, cunha superficie construida total de 612,06 m², dotando a Redondela dun área de coworking e salas multiusos preparadas para albergar a persoas autónomas, emprendedores e micropymes.

No ámbito máis tecnolóxico, o futuro inmoble destaca por unha proposta de enxeñería de primeiro nivel, xa que o centro será a infraestrutura competitiva que as empresas locais necesitan para dixitalizarse e expandirse no mercado global. Os espazos contarán cun sistema avanzado de climatización para garantir a eficiencia coa máxima calidade do aire e cun consumo enerxético mínimo. Así mesmo, dispoñerá dunha rede de telecomunicacións de última xeración.

Novo espazo público e accesible de 2.300 m²

A contorna do edificio vivirá tamén unha transformación integral. O Concello está a realizar a reforma da praza da Ponte de Lima, que será un espazo público moderno e accesible. Instalarase un ascensor urbano para salvar o gran desnivel coa rúa Subida á Estación, e na parte posterior crearase un auditorio ao aire libre. Este era un lugar que se utilizaba só como zona de paso e agora, con esta obra “dámoslle vida e creamos un espazo público de 2.300 m² para uso da cidadanía”. Rivas sinala que con estas obras “resolvemos un problema histórico de accesibilidade no centro da vila e creamos un novo espazo verde para uso cultural e social”. As obras estarán rematadas antes de finais de ano, e contan cun orzamento de 870.000 euros de fondos do Plan Extra da Deputación.

Comparte este artigo