• O Director Xeral de La Vuelta, Javier Guillén, e astros do ciclismo internacional como Álvaro Pino e Óscar Pereiro apoiarán o evento, ademáis dunha nutrida representación do mundo do ciclismo.
• A obra de Rafa Rodríguez “Rafita” desvela os segredos e as fazañas inéditas do que define como un “pobo milagre” único no mundo.
• O acto cultural e deportivo, que presentará o xornalista local da TVG Terio Carrera, terá lugar mañá, mércores, ás 17.00 horas, no Auditorio Reveriano Soutullo.
• O Reveriano Soutullo será tamén un museo improvisado, coas bicicletas das xestas deportivas de Pino e Emilio Rodríguez, ademáis do maillot de Pino e as copas dos tres gañadores de La Vuelta
Ponteareas, recoñecida internacionalmente como unha auténtica cuna do ciclismo mundial, prepárase para revivir os seus fitos máis emocionantes. Mañá, mércores 30 de setembro, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá ás 17:00 horas a presentación oficial de “El camino del ciclista”, o agardado libro do escritor ponteareán Rafa Rodríguez Castro “Rafita”.
O autor provén dunha das dinastías máis lendarias do ciclismo español, xa que o seu pai é Emilio Rodríguez, quen se coroou campión da Volta a España na edición de 1950, e o seu tío é Delio Rodríguez, outra lenda do pedal que gañou a Volta a España en 1945 e que aínda ostenta a marca histórica de máis vitorias de etapa (39) na competición.
O eixe central de “El camino del ciclista” pon en valor unha fazaña irrepetible: Ponteareas é a única localidade do planeta que viu nacer a tres campións diferentes da Volta a España: Delio Rodríguez (1945), Emilio Rodríguez (1950) e o propio Álvaro Pino (1986). A través das súas páxinas, o autor desgrana as vitorias en estrada e a identidade dun “pobo milagre” que transformou o pedaleo en patrimonio histórico, cultural e emocional de Galicia.
Ademais da propia presentación do libro, O Reveriano Soutullo converterase nun luxo de museo improvisado , coas bicicletas das xestas deportivas en La Vuelta de Álvaro Pino e Emilio Rodríguez, ademáis do maillot de Pino e as copas dos tres gañadores de La Vuelta.
Ampla representación
O acto, que estará presentado polo xornalista local da TVG, Terio Carrera, contará cunha representación deportiva do máis alto nivel. O Director Xeral de La Vuelta, Javier Guillén, desprazarase ata a localidade para poñer en valor a achega histórica de Ponteareas ao ciclismo profesional. Xunto a el, o ciclismo de grandes voltas estará representado por dous dos maiores referentes do deporte en Galicia: o ídolo local Álvaro Pino (campión da Volta a España en 1986) e Óscar Pereiro (gañador do Tour de Francia en 2006).
Así mesmo, o tecido e a historia do ciclismo en Galicia estarán respaldados por figuras fundamentais do pelotón e a dirección técnica da comunidade, como Xosé Teixeira, Xesús Carballido e Evaristo Portela, entre outros. Ao evento tamén se sumarán nomes do panorama local como Borja Gómez —deportista que dá nome ao club de base Club Ciclista Ponteareas – Escola Borja Gómez—, quen asistirá acompañado polo seu pai Calis para arroupar a presentación xunto a moitas outras figuras destacadas do ciclismo galego, veciños e afeccionados.
Desde a organización convídase a toda a cidadanía, colectivos sociais e amantes do deporte a asistir a un encontro que promete ser un fito histórico para o orgullo ponteareán.

