O Club de Lectura Fácil “Libros sen Límites” clausura o curso no Pazo de Mos

Redacción

O Club de Lectura Fácil Inclusiva “Libros sen Límites” da Biblioteca Pública Municipal María Magdalena celebrou a súa sesión de clausura no Pazo de Mos, poñendo o broche final a un curso marcado pola participación, a inclusión e o goce compartido da lectura.

Na xornada participaron as persoas integrantes do club, entre as que se atopan usuarias e usuarios de Cogami e EDV, e contou ademais coa presenza como entidade convidada da asociación Alento, que compartiu esta celebración de final de curso co grupo.

Durante a xornada, as persoas asistentes tiveron a oportunidade de compartir tempo con Mimo, o can de terapia que se converteu na mascota do club e que estivo presente en numerosas sesións ao longo do curso. A súa participación contribuíu a crear un ambiente próximo e acolledor, converténdose nun compañeiro moi especial para o grupo.

A actividade central da clausura consistiu nunha proposta didáctica e lúdica inspirada no tradicional xogo da oca. Baixo o nome de “O Xogo de Mimo”, as diferentes casiñas facían referencia aos libros traballados durante o ano, permitindo ás persoas participantes recordar personaxes, historias, anécdotas e contidos das lecturas realizadas. A dinámica converteuse nunha forma divertida de repasar os coñecementos adquiridos e compartir impresións sobre as obras lidas.

O encontro serviu ademais para facer balance das actividades desenvolvidas durante o ano e para reforzar os vínculos entre as persoas participantes e as entidades colaboradoras, consolidando un proxecto que promove a inclusión, a participación activa e o acceso á cultura a través da lectura fácil.

Con esta clausura, a Biblioteca Pública Municipal María Magdalena pecha unha nova edición de “Libros sen Límites”, unha iniciativa xa consolidada que continúa demostrando o valor da lectura como ferramenta para construír comunidade e derrubar barreiras.

Desde o Concello de Mos agradécese a implicación de todas as persoas participantes e das entidades colaboradoras que fan posible que este proxecto siga medrando ano tras ano.

Comparte este artigo