- Os resultados sobre a súa investigación da enerxía expuxéronse na Casa do Concello do 22 ao 25 de abril
O colexio San José recibiu esta mañá o 2º Premio Nacional de Endesa Educa polo seu proxecto “Salvar o mundo”, realizado polo alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria.
“É para sentirnos orgullosos da educación que reciben estes nenos e nenas, con valores pensando nun futuro sostible e con proxección laboral”, destacou o alcalde, Roberto Carrero. Ademais, tamén recordou a implicación de profesores e titores neste proxecto.
Neste programa participaron máis de mil colexios de toda España para traballar sobre a enerxía. O alumnado do colexio San José, realizou investigacións e deu divulgación a estes resultados nunha exposición na Casa do Concello do 22 ao 25 de abril, experiencia que lles permitiu pór en práctica as súas habilidades comunicativas.
Os alumnos e alumnas encargáronse de explicar o concepto de enerxía e os seus tipos, a súa transformación e expuxeron de maneira práctica e interactiva os seus proxectos, prototipos, etc…, deixando sorprendidos a todos os visitantes (colexios, corporación municipal…).
Esta mañá, os alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria recibiron, da man de divulgadores científicos de Endesa Educa, un diploma acreditativo deste premio. O profesorado tamén recibiu un por guiar aos alumnos e alumnas neste proxecto. Pais e nais acudiron tamén a esta entrega para acompañar aos seus fillos e fillas a recibir este premo tan especial.
Durante o resto da mañá, o alumnado desfrutou duns obradoiros de ciencia preparados pola Fundación Endesa nos que seguiron aprendendo sobre a enerxía.