Este mediodía o Concello da Guarda acolleu a mesa para o seguimento do protocolo en casos de violencia de xénero.
Á reunión acudiron por parte do Concello da Guarda, o alcalde, Roberto Carrero, e a concelleira de Igualdade, Susana Álvarez. Ademais, estiveron o oficial xefe e unha axente da Policía Local, así como a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Yolanda Villaverde.
Como membros da Guardia Civil asistiron o cabo 1º José Luís Gaspar, xefe coordinador do Equipo Vioxén; Mónica Iglesias, axente do Equipo Vioxén; Irene García, axente do Equipo Muller Menor (EMUME) no Punto de Atención Especializada do UOPX de Pontevedra; e o subtenente Eligio Rivas, comandante do posto de A Guarda.
O comité estivo presidido pola xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María José Rodríguez. “A coordinación é boa entre todos, mais sempre é importante reunirse para pór as cousas sobre a mesa en conxunto”, destacaba Rodríguez.
Na reunión analizáronse os datos sobre a violencia de xénero a nivel municipal e afondouse sobre o protocolo para actuar ante casos de violencia de xénero para ofrecer protección e servizo integral de xeito inmediato á vítima.
O diálogo serviu tamén para poñer en marcha novas accións, centrándose nas novas xeracións, para a concienciación sobre a violencia de xénero. Neste senso, o alcalde da Guarda, lembrou a “total disposición do Concello para axudar a que estas accións cheguen a todos e todas, xa que temos un trato directo coa veciñanza e tamén cos centros escolares”.