- Poderán presentarse solicitudes de participación do 15 ao 26 de xuño ás 14:00 horas no caso de San Bieito, ata o 3 de xullo ás 14:00 horas no caso de Porrigalia para participar no gran mercado temático da festa
O Concello do Porriño afronta un mes de xullo cheo de actividades: entre elas San Bieito que se celebrará a fin de semana do 10 ao 12 de xullo, e de Porrigalia que se desenvolverá do 24 ao 26.
Así, acaban de publicarse as bases que regulan a adxudicación, instalación e funcionamento temporal de postos de venda, atraccións e casetas con motivo das Festas de San Bieito 2026, abrindo o prazo para que as persoas e empresas interesadas poidan presentar as súas solicitudes.
O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 26 de xuño ás 14:00 horas, ambos incluídos, podendo realizarse a través do Rexistro Xeral do Concello, da sede electrónica municipal ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.
As autorizacións permitirán a instalación de atraccións, quioscos, postos de alimentación, artesanía e venda variada durante a celebración das festas, que terán lugar entre os días 10 e 12 de xullo de 2026.
No caso de Porrigalia, ábrese tamén o prazo para a presentación de solicitudes para a instalación de postos de venda no recinto de Porrigalia 2026, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de xullo. O período de presentación permanecerá aberto desde o 15 de xuño ata o 3 de xullo ás 14:00 horas, ambos incluídos.
Postos dispoñibles e adxudicación
O Concello porá á disposición dos solicitantes 10 carpas e 20 postos de madeira, que serán adxudicados por rigorosa orde de entrada no rexistro. As solicitudes que non obteñan posto inicialmente pasarán a formar parte dunha listaxe de reserva para cubrir posibles vacantes. A relación provisional de admitidos publicarase o 3 de xullo e a listaxe definitiva farase pública a partir do 8 de xullo.
Os postos autorizados poderán ofrecer produtos de alimentación tradicional, artesanía, demostracións de oficios artesanais e antigüidades, sempre respectando o carácter histórico e cultural da celebración.
Como presentar a documentación
A documentación poderá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal. O Concello lembra que as solicitudes deberán estar correctamente cubertas para seren admitidas.

