• Na entrada traseira procedeuse á instalación dunha nova porta corredoira automática, ademais da dotación de novas varandas e pasamáns na rampa
• O alcalde, Manuel Campos, explica que a obra contou cun orzamento próximo aos 30.000 euros e que incluíu melloras na entrada principal, que tamén dá aceso ao Xulgado de Paz
O Concello de Cuntis vén de acometer unha serie de melloras no edificio da Casa Consistorial, co obxectivo de mellorar e garantir a accesibilidade universal, tendo especialmente en conta as necesidades das persoas que padecen problemas de mobilidade reducida. Tal e como explica o alcalde, Manuel Campos, estes traballos afectaron especialmente ás dúas entradas coas que conta o inmoble. Na parte posterior procedeuse á adaptar a rampa, que xa conta con novas varandas e pasamáns. Ademais, substiuíuse a porta por outra máis moderna, de corredoira autonámica, o que garante o desprazamento libre ata as dependencias. Campos lembrou que a intención do Goberno local é cambiar o emprazamento da oficina de Rexistro, pasando a estar nas oficinas da parte posterior do Consistorio, para facilitar a realización destes trámites a toda a veciñanza.
Con respecto á entrada principal do edificio, os traballos centráronse fundamentalmente no retranqueo cara o exterior, o que permite contar cun espazo máis amplo no vestíbulo. O alcalde cuntiense lembra que a devandita entrada tamén serve para dar acceso ao Xulgado de Paz. A porta pasa a ser máis ancha e espazosa, de xeito que “unha persoa que se despraza en cadeira de rodas conte coa marxe suficiente para poder entrar sen problemas nas dependencias para realizar as súas consultas e xestións”, sinala Campos.
O Concello de Cuntis fixo un investimento que ascende a uns 30.000 euros aproximadamente para a realización destes traballos. O obxectivo de garantir a accesibilidade e suprimir as barreiras arquitectónicas no que a mobilidade se refire tamén aperece reflectido nas tarefas que se levan a cabo no segundo andar da Casa Consistorial. Alí, procedeuse á reforma completa dos aseos e, a maiores, proxéctase a mellora dos vesitarios da Policía Local.

