HomePontevedraBaixo MiñoO Concello anima a sumarse a ‘O Rosal Enerxía’, a comunidade enerxética...

O Concello anima a sumarse a ‘O Rosal Enerxía’, a comunidade enerxética que está a transformar o futuro do municipio

- Anuncio -spot_img

Esta primeira instalación estará situada no pavillón municipal do Rosal

A comunidade enerxética ‘O Rosal Enerxía’ busca sumar máis persoas comprometidas co aforro, coa sustentabilidade e a produción e consumo de enerxía renovable no municipio. O Concello dá un novo paso na transformación do seu modelo enerxético animando a rosaleiros e rosaleiras a unirse a un proxecto colectivo que reducirá a dependencia dos combustibles fósiles e a factura eléctrica da veciñanza.

A Oficina da Enerxía celebrou a pasada semana na sala de exposicións unha xornada informativa na que deu a coñecer a primeira comunidade enerxética do municipio. Durante o acto, que contou cunha alta participación e moitas preguntas por parte do público asistente, persoal técnico explicou os pasos que se deben dar para formar parte desta comunidade, os beneficios do autoconsumo e o apoio técnico que se ofrecerá durante todo o proceso.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quixo poñer en valor o papel protagonista que pode ter cada fogar nesta transformación. “Estamos a falar dun cambio de modelo enerxético que pon nas nosas mans a capacidade de producir e consumir a nosa propia enerxía, limpa e renovable. ‘O Rosal Enerxía’ democratiza o acceso á enerxía e aposta polo futuro sostible que queremos para o noso municipio”, salientou.

O director da Oficina da Enerxía, Rodrigo López Piquín, explicou que a fórmula escollida para a xestión do proxecto será unha asociación sen ánimo de lucro, o que permitirá unha participación aberta, equitativa e orientada ao ben común. Pola súa banda, o técnico Iago Pedreira Bestilleiro respondeu ás dúbidas da veciñanza e detallou os pasos a dar para inscribirse.

Esta primeira comunidade enerxética instalarase no pavillón municipal do Rosal, cun gran potencial para xerar enerxía solar. Os estudos polo Concello destacan que a instalación podería chegar ata a un 62,5% das vivendas situadas nun radio de 2km da comunidade enerxética, tal e como marca a normativa.

O Concello anima á veciñanza a sumarse a este proxecto. “Cada fogar que participe supón máis enerxía limpa, máis independencia e máis compromiso coa contorna e co planeta. É unha oportunidade única para construír entre todas e todos un futuro máis sostible”, recalcou a rexedora.

As persoas interesadas en reducir a súa factura eléctrica e participar neste proxecto colectivo que aposta por un futuro sostible soamente terán que achegar os seus datos de contacto, un documento identificativo e unha copia da súa última factura eléctrica para valorar se a súa vivenda está dentro da área de influencia da instalación municipal.

Para facelo pode enviarse un correo a oficina@enerxia.eu, contactar por teléfono directamente á Oficina da Enerxía chamando ao 677 737 321 ou encher directamente o formulario de inscrición xa dispoñible.

Publicacións Relacionadas