O concello convoca á veciñanza de Chapela para recuperar a memoria de “La Progresiva”

Redacción
Lectura mínima de 2

– A sociedade agraria, que tivo a súa sede no actual Mercado Municipal, foi clave no movemento agrario e acolleu mitins de figuras como Castelao ou Telmo Bernárdez.

– O Concello de Redondela convoca á veciñanza a un encontro mañá, mércores 29 de abril, ás 19:30 h no Multiúsos, para recoller testemuños e imaxes da entidade.

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Memoria Democrática, impulsa un proxecto para reconstruír a historia dunha entidade fundamental de Chapela: a Sociedade Agraria “La Progresiva”. Co obxectivo de localizar documentación, arquivos ou fotografías que aínda poidan conservar as familias da parroquia, o Concello organiza mañá un acto aberto ás 19:30 horas no Multiúsos de Chapela.

“La Progresiva”, fundada a finais do século XIX, tivo a súa sede no edificio que hoxe ocupa o Mercado Municipal. Malia a súa enorme relevancia social e política ata o primeiro terzo do século XX, a información conservada é moi escasa. Por iso, baixo o lema “Fagamos historia xuntos”, o goberno local quere facer un chamamento directo á veciñanza para rescatar esta parte pasado parroquial. A sociedade tivo unha gran implicación social e política. En 1909, baixo a presidencia de Ángel Santorio, abriu unha escola e foi escenario de mitins nos que participaron figuras históricas como Alfonso Daniel R. Castelao e Telmo Bernárdez.

A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que este colectivo tivo “un gran protagonismo no movemento agrario da provincia”, que se truncou co golpe de Estado de 1936. Rivas anima á veciñanza a compartir calquera obxecto ou relato de “La Progresiva”. “Queremos que a veciñanza nos axude a honrar o esforzo daqueles agricultores”, sinala Rivas.

Comparte este artigo