O pasado xoves, o concelleiro de Medio Ambiente e tenente alcalde, Óscar Alonso, acudiu á presentación en Santiago de Compostela da Oficina de Economía Circular Municipal posta en marcha pola Xunta de Galicia.
Esta oficina supón unha asistencia e apoio aos concellos na xestión de residuos. Deste xeito, acelérase a transición cara un modelo máis sostible e se promoven accións seguindo a xerarquía no tratamento de residuos, dando prioridade á prevención, reutilización e reciclaxe.
Segundo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o traballo da Oficina contribuirá a determinar o grao de cumprimento da normativa vixente dos modelos de xestión implantados nos concellos e favorecerán unha maior concienciación da cidadanía sobre o axeitado tratamento dos residuos.
Ademais promoveranse seminarios, xornadas formativas, obradoiros e foros onde se abordarán materias como a prevención na xeración de refugallos, a compostaxe in situ, a planificación da xestión, a recollida separada, a valorización de residuos ou a loita contra o lixo disperso, entre outras moitas temáticas.