Concello, Deputación de Pontevedra e Frutas Nieves colaboran nesta cita deportiva organizada polo A Lama S.D..
O alcalde da Lama, David Carrera; o presidente da A Lama S.D. Marcial Peso Ares; e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, presentaron o Torneo Infantil de Fútbol 11 Concello da Lama, que se disputará este sábado, 12 de setembro, no Campo Municipal de Racelo.
A competición reunirá na Lama a oito equipos de fútbol base: A Lama, Soutomaior, Indepo, Salgueiriños, A.J. Lérez, Villa de Marín, A.X.D. Verdugo e Pontevedra. Todos eles compartirán unha xornada marcada pola convivencia, o deporte e a promoción dos valores asociados ao fútbol entre as categorías inferiores.
Durante a presentación, David Carrera destacou a importancia de que o municipio acolla este tipo de encontros, “que permiten gozar dunha xornada de fútbol base, dinamizan as instalacións deportivas municipais e converten A Lama nun punto de encontro para xogadores, familias e afeccionados de toda a contorna”.
O alcalde agradeceu especialmente o traballo desenvolvido pola A Lama S.D. para organizar a competición e reafirmou o compromiso do Concello co deporte de base. “Queremos seguir colaborando con iniciativas que animen os máis novos a practicar deporte e que fomenten valores tan necesarios como o compañeirismo, o respecto, o esforzo e o traballo en equipo”, manifestou.
Pola súa banda, Plácido Pillado Alfaya salientou que o torneo contribuirá a dar visibilidade ao labor realizado polos clubs e as escolas deportivas na formación dos futuros futbolistas. Así mesmo, convidou a veciñanza a achegarse ao Campo Municipal de Racelo para apoiar os participantes e gozar dunha completa xornada deportiva.
Finalmente, o presidente do A Lama S.D., Marcial Peso, agradeceu a implicación das entidades colaboradoras e dos clubs participantes e salientou “a ilusión coa que estamos preparando unha xornada pensada para que os rapaces compitan, aprendan e desfruten do fútbol nun ambiente de convivencia e deportividade”.
“O respaldo do Concello, da Deputación e de Jesús Peleteiro, de Frutas Nieves, resulta fundamental para facer posible este torneo. Agardamos vivir unha gran xornada no Campo Municipal de Racelo, coa presenza das familias e da afección apoiando todos os equipos”, engadiu o máximo responsable do club anfitrión.
O Torneo Infantil de Fútbol 11 Concello da Lama conta coa colaboración do Concello da Lama, da Deputación de Pontevedra e de Frutas Nieves. A organización habilitou o teléfono 619 170 496 para ofrecer máis información sobre o desenvolvemento da competición.

