O concello de Arbo presenta a programación do “Outono Cultural 2026” con actividades para todos os públicos

Redacción
  • A axenda inclúe citas destacadas como o a Velada de Boxeo, a Festa da Colleira, o Samaín, o Magosto Popular, o 30º Aniversario da Coral Polifónica e o concerto da Banda de Música de Arbo.
  • Paralelamente, os meses de outubro e novembro acollerán diversas iniciativas encamiñadas á igualdade e á concienciación arredor do 25N.

Arbo, 8 de outubro de 2026.– O Concello de Arbo ven de dar a coñecer a súa programación para o ‘Outono Cultural 2026’, un completo calendario de propostas de lecer, deportivas e de tradición deseñado para dar resposta ás preferencias de veciños, veciñas e visitantes de todas as idades durante os meses de outubro e novembro.

A axenda botará a andar os días 10 e 11 de outubro coa celebración do IX Raid do Condado “Marqués de Vizhoja”, que dará paso o 11 e 12 de outubro á tradicional Festa da Colleita en Sela, organizada pola A.C. Virxe do Carme, uns festexos históricos que se remontan ao ano 1972 como unha ofrenda de agradecemento a Santa Isabel e San Martín polos froitos do outono e que conta co tradicional desfile de tractores e concurso de postres. A música terá un protagonismo especial o sábado 17 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio do Centro Multiusos co concerto polo 30º Aniversario da Coral Polifónica de Arbo.

A programación continuará o sábado 24 de outubro ás 20:00 horas coa V Velada de Boxeo Concello de Arbo no Pavillón Polideportivo Municipal no que participara o boxeador local, Dani Castro. O mes pecharase o sábado 31 de outubro coa Festa de Samaín a partir das 17:00 horas no Centro Multiusos, unha xornada pensada para a infancia e a mocidade que inclúe animación musical, coreografías, mesa larpeira e os habituais concursos de disfraces e cabazas.

O rexedor de Arbo, Horacio Gil, salientou a importancia de manter viva a axenda local durante estes meses: “Queremos que Arbo siga sendo un punto de encontro vivo, onde a nosa veciñanza poida gozar da cultura, do deporte e das nosas tradicións sen ter que desprazarse. Deseñamos este ‘Outono Cultural’ pensando en todas as idades, dende os máis cativos ata os nosos maiores, combinando citas xa consolidadas con novas iniciativas”.


O mes de novembro arrancará coa formación vocal nos días 7 e 8 a través dun Curso de Técnica Vocal para Coros impartido por Indra Sesti organizado por FECOGA. O domingo 8 de novembro ás 17:00 horas, a Praza do Concello acollerá o XI Magosto Popular, con castañas e chourizos de balde e a animación da Charanga Imperiais.

A música regresará ao Auditorio do Centro Multiusos o sábado 14 de novembro ás 19:00 horas co Concerto de Santa Icía. Para pechar o mes, o sábado 28 de novembro celebrarase no Pavillón Polideportivo a xornada +Convivir da Deputación de Pontevedra, que ofrecerá música, xogos e baile para todas as idades.

De xeito transversal ao longo de outubro e novembro, o Concello desenvolverá unha serie de accións no marco do 25 de Novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller). Entre elas destacan a realización dun graffiti sobre igualdade no CEIP Antonio Carpintero e unha reportaxe fotográfica dedicada ás mulleres emprendedoras de Arbo.

Así mesmo, o alumnado do CEIP Antonio Carpintero participará en obradoiros específicos adaptados a cada etapa educativa: “Non me chames princesa” (Educación Infantil e 1.º e 2.º de E.P.), a “Xincana de corresponsabilidade” (1.º a 4.º de E.P.) e un “Obradoiro de Podcasts” (3.º a 6.º de E.P.).

O alcalde, Horacio Gil, subliñou o valor destas actividades formativas: “O compromiso do Concello coa igualdade e coa prevención da violencia de xénero é firme e diario. A través destas actividades no colexio e no municipio, traballamos desde a base coa infancia e coa mocidade para construír unha sociedade máis xusta, consciente e igualitaria”.

Comparte este artigo