O Concello de Baiona dá luz verde ás obras de mellora do seu emblema turístico, o Parador de Turismo Conde de Gondomar

adminON
Lectura mínima de 5
  • Iluminación completa do recinto amurallado de forma sostible con tecnoloxía LED e eficiencia enerxética.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Baiona, reunida o pasado mércores, aprobou a concesión ao Instituto de Turismo de España (TURESPAÑA) da licenza municipal para a execución de dúas grandes obras e de gran alcance para a mellora, conservación e posta en valor do patrimonio cultural de Baiona. Trátanse das licenzas das obras que se executarán na Fortaleza de Monterreal: Un elemento catalogado polo Plan Xeral e Patrimonio Cultural como área de equipamento EQ-BA-34, e identificado como BA.30, ao cal se lle asigna un nivel de protección integral con categoría BIC.

As obras compóñense de dúas actuacións ben diferenciadas e moi importantes para o patrimonio baionés. Por unha banda, a restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador Conde de Gondomar; polo outro a restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo.

Debido á importancia que supoñen estas actuacións para o patrimonio cultural de Baiona e a súa posta en valor, o Concello de Baiona no pleno ordinario do mes de novembro de mañá aprobará a proposta para bonificar a TUERSPAÑA cun 75% no pago do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). Debido ao seu especial interese cultural e patrimonial histórico artístico desde a institucional municipal tomouse a decisión de levar á sesión plenaria de hoxe a declaración de especial interese ou utilidade municipal das obras por concorrer circunstancias culturais ou histórico-artísticas. Unha declaración que necesitará maioría simple do pleno da Corporación.

En canto á restauración puntual da ermida e a cuberta da torre de recepción do Parador Conde de Gondomar, supón un orzamento de execución material que ascende a 163.650,03 €) sen I.V.A.

No relativo á restauración, iluminación e posta en valor da muralla, a torre da Tenaza, a bóveda de recepción, a casa de Pedro Madruga e o sector do pozo, cun orzamento de execución material que a 4.451.350,22 € sen I.V.A.

O prazo de execución das obras previstas estímase en catro meses para a primeira das actuacións, e catorce meses a segunda e maior das actuacións, sendo as dúas solapadas no tempo, para minimizar as molestias que supoñen as obras segundo o cronograma dos proxectos de execución.

A actuación proxectada forma parte do plan de investimentos e reformas desenvolto no marco dos novos instrumentos comunitarios de financiamento Next Generation UE e do Plan de Modernización e Competitividade do Sector Turístico.

O obxectivo é potenciar e preservar o patrimonio histórico de uso turístico, cun enfoque na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a economía circular.

A actuación contempla varias intervencións crave:

  • Restauración da muralla e portas de acceso, incluíndo a recuperación e mellora do paseo interior.
  • Iluminación completa do recinto amurallado con tecnoloxía LED e eficiencia enerxética.
  • Restauración e posta en valor da torre da Tenaza, eliminando elementos discordantes e recuperando a súa estrutura orixinal.
  • Restauración da bóveda de recepción, eliminando humidades e mellorando a súa condición xeral.
  • Posta en valor da casa de Pedro Madruga, limpando vexetación e consolidando os muros.
  • Recuperación do sector do pozo, incluíndo a limpeza e consolidación da contorna.

Tamén se farán catas arqueolóxicas por parte da Deputación de Pontevedra.

“A presente intervención ten como obxectivo protexer e preservar este patrimonio histórico para o seu goce futuro, garantindo unha experiencia turística de alta calidade en Baiona. Ademais de todos as obras, contémplase a iluminación completa do recinto amurallado con tecnoloxía LED e eficiencia enerxética, un novo atractivo nocturno durante todo o ano para nosa Villa”, destaca o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña.

A propiedade do recinto amurallado, Monte Boi, é do Estado e foi comprada aos herdeiros de Ángel Bedriñana en 1963. Turespaña é o organismo autónomo do Estado ao que están adscritos os inmobles da Rede de Paradores, por tanto, do Parador de Baiona, e encárgase da súa xestión patrimonial (conservación), mentres que a Sociedade Estatal de Paradores de Turismo, encárgase da explotación comercial destes edificios.

Comparte este artigo