- O acto inaugural terá lugar este venres, 5 de xuño, ás 20.00 horas na Sala Amalia Domínguez Búa
- A mostra recolle as imaxes da mítica serie “Mariñeiros”, nas que Bueu, os seus espazos e xentes, teñen moito protagonismo
O Concello de Bueu e o Centro de Estudios Fotográficos organizan unha exposición fotográfica sobre José Suárez, que se desenvolverá dende o 5 de xuño ao 5 de xullo na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa. O acto inaugural será este venres, ás 20.00 horas, e nel prevese a asistencia de familiares deste artista que tivo unha gran vinculación coa vila bueuesa. Ademais, presentarase o programa completo de actividades que complementarán a exposición.
Esta actividade insírese no marco do Ano José Suárez acordado polo Concello de Bueu coincidindo coa celebración do Día das Artes Galegas 2026 que se dedica ao artista por parte da Real Academia Galega de Belas Artes. Dende finais do pasado ano mantivéronse contactos coa familia por parte de Carmen García, concelleira de cultura, e Alberto Moital, edil de patrimonio, polo que se programa esta mostra que pretende espallar o legado do fotógrafo e contribuír conxuntamente a outorgar a importancia e o valor que o fotógrafo depositou nas xentes de Bueu. Precisamente, as fotografías que recolle a mostra son a da súa mítica serie “Mariñeiros”, nas que Bueu, os seus espazos e xentes, teñen moito protagonismo.
José Suárez está considerado coma un dos referentes da fotografía galega e española do século XX. Nado en Allariz en 1902, Suárez recalou en Bueu entre 1935 e 1936, onde realizou as fotografías que compoñen a serie “Mariñeiros”, o traballo máis coñecido e relevante da súa longa carreira. Cómpre sinalar que a chegada de Suárez prodúcese nun contexto no que Bueu foi espazo de encontro de persoas moi relevantes no plano político e cultural como foron Castelao, Federico Ribas, Maruja Mallo ou Rómulo Gallegos, entre outras.
Suárez comezou a achegarse á fotografía aos vinte anos e foi en 1935 cando se dedicou plenamente a ela. É nese momento cando comeza unha serie de traballos fotográficos nas Rías Baixas, chegando a lugares como Rianxo ou Bueu. Esta chegada prodúcese polo encargo que recibe da Compañía Industrial del Film Español, que lle solicitou varios documentais sobre a cultura galega, entre eles un sobre os mariñeiros, traballo polo cal empeza nese desprazamento á costa galega.
Froito deste encargo a Suárez resulta a serie fotográfica “Mariñeiros”, composta por máis de 90 fotografías, e que se converteu nun símbolo de identidade do mar galego amplamente e do pasado e da vinculación de Bueu co mar máis concretamente. Nesta aproximación ao traballo e á forma de vida da xente do mar, Suárez capta tanto retratos en primeiro plano como imaxes máis xerais, coa presenza de numerosos veciños de Bueu realizando as tarefas do día, sendo a praia da Banda do Río o espazo maioritario destas fotografías. Nun amplo número de imaxes tamén se amosa con claridade no fondo a Praia de Beluso. Tanto os encadres como as composicións destas fotografías, amosan o espírito creativo de Suárez. Entre elas atópase tamén unha das máis vinculadas á identidade e cultura mariñeira, a dun neno que sostén a maqueta dunha dorna co nome “Javiota”. Estas imaxes chegaron a expoñerse en París en 1935, porén en 1936 Suárez tivo que exiliar a Arxentina tralo golpe de estado.
Todo parece indicar que as fotografías que compoñen “Mariñeiros” forman parte dos traballos previos para a filmación das secuencias que formarían o documental co mesmo nome, tal e como indica o seu sobriño Xosé Luis Suárez Canal. Un documental cuxa estrea tivo lugar en Bos Aires en 1938 e que hoxe está en paradoiro descoñecido. Tras o seu regreso a terra galega en 1959, Suárez faleceu en A Guarda en 1974, deixando tras de si un inmenso e valioso legado fotográfico que este ano 2026 recibirá un recoñecemento máis.

