- O acto terá lugar este venres, 30 de maio, xunto ao monumento de Johan Carballeira, na Banda do Río, e complementarase cunha conferencia da historiadora María Torres
- Os veciños bueueses asasinados nos campos de Mauthausen – Gusen foron José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz
O Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira colocarán este venres, 30 de maio, os ‘Stolpersteine’, ou adoquíns da memoria, a través dos que se lembrará aos dous veciños bueueses asasinados nos campos de concentración nazis, José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz. O acto comezará ás 20 horas xunto ao monumento de Johan Carballeira, na Banda do Río, coa participación dos familiares dos asasinados, e despois seguiralle un coloquio na Sala Multiusos do Centro Social do Mar coa investigadora María Torres sobre a memoria dos campos de concentración nazis e, sobre todo, o paso dos galegos por eles.
O Concello de Bueu continúa co fomento da memoria histórica, e por iso solicitou a Alemaña hai un ano contar con dous adoquíns ‘Stolpersteine’ tras un acordo plenario que se aprobou por unanimidade de todos os grupos municipais. Estes adoquíns, deseñados polo artista alemán Gunter Demnig, serán colocados na base do monumento a Johan Carballeira, na entrada da praia da Banda do Río, porque é un espazo no que xa conflúe a memoria do alcalde de Bueu durante a República e que foi asasinado polo franquismo. Os dous asasinados estiveron nos campos de Mauthausen- Gusen ao longo de varios meses de 1941 ata o seu falecemento.
Os veciños asasinados
Os veciños son José Ferradás Pastoriza, veciño de Beluso e falecido o 20 de setembro de 1941, e Manuel Rey Cruz, veciño de A Graña e falecido o 20 de maio de 1941.
José Ferradás Pastoriza era un mariñeiro sindicalista de Beluso ao que lle interesaba moito a política e que estivo implicado durante a República. Tras unha fuxida da súa vivenda, a familia soubo posteriormente que estivera en Francia e despois como soldado traballador ata que os alemáns lles puxeron a todos os españois o símbolo de apátridas e os enviaron ao campo de Mauthausen – Gusen.
En canto a Manuel Rey Cruz, o seu avó traballaba na pesca en Alxeciras e dende o golpe de estado enrolouse nun barco dende o Mediterráneo a Francia, onde foi acollido por unha familia ata que despois o levaron para o campo de concentración.