• O programa desenvolto pola logopeda Ana Belén Diz inclúe, entre outras iniciativas, unha andaina solidaria, que terá lugar o vindeiro sábado, 15 de febreiro, desde as 10.30 horas
• O alcalde, Jacobo Pérez, salienta a importancia de consolidar e impulsar iniciativas que faciliten a axuda e a dar visibilidade ás familias das crianzas enfermas
O Concello de Caldas de Reis colabora na organización da I Semana da Visibilización do Cancro Infantil, unha novidosa iniciativa que se celebra desde onte luns na vila termal e que conta cun programa con varias actividades, todas elas encamiñadas a dar a coñecer entre a sociedade cuestións e pautas vencelladas a esta enfermidade. A proposta está impulsada pola logopeda Ana Belén Diz Paseiro e estreouse cunhas charlas coloquio
no Auditorio Municipal, que se centraron en diferentes aspectos desta doenza. Nestas sesións tomaron parte expertos como Carmen F. Morante, que falou sobre o Proxecto Ability, e responsables da Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (AGANOG). Estes coloquios contaron coa asistencia do alcalde, Jacobo Pérez, que quixo poñer en valor o traballo realizado por Ana Belén Diz para poñer en marcha esta iniciativa, coa axuda da Administración local. “En canto nos prantexou as actividades que quería desenvolver non dubidamos en ceder espazos públicos e axudar en todo o que fose posible. É unha iniciativa importante, que axuda a visibilizar unha doenza que, por desgraza, padecen moitos nenos e nenas de diferentes idades. É necesario poñer o foco no esforzo que realizan as familias con enfermos e enfermas de cancro e achegar ferramentas para poder axudalas”, recalcou.
Precisamente, estas xornadas contan cunha iniciativa altruísta, destinada á recadación de fondos para AGANOG. Trátase da I Andaina Solidaria Polo Día Internacional do Cancro Infantil ‘Camiña con Nós’, que terá lugar o vindeiro sábado, día 15 de febreiro, desde as 10.30 horas. Para poder inscribirse basta con realizar unha doazón de 5 euros, que se pode facer a través de Bizum (código 11243) ou realizando un ingreso na conta ES61 2100 1453 2102 0025 9900, poñendo como concepto nome e apelidos da persoa que realiza a achega e engadindo as palabras ‘Andaina Caldas’. A expedición partirá das inmediacións da Tafona e realizará un percorrido sinxelo por diferentes lugares da vila.
Dentro da programación na que colabora o Concello de Caldas de Reis hai que engadir tamén outras actividades que se realizan na clínica de Ana Belén Diz Paseiro ou no Auditorio, que mañá acollerá un obradoiro emocional para xogar, conectar e gozar en familia, da man de Baia Fernández e Cristina Núñez. Un concurso de fotografía, unha sesión de elaboración de pulseiras ou unha proposta para a doazón de libros con mensaxes especiais son outras das actividades desta primeira edición da programación.
Jacobo Pérez salienta a boa participación nas primeiras citas e confía en que as condicións meteorolóxicas acompañen e se viva “unha mañá de solidariedade” o vindeiro sábado cando se celebre a andaina.