• O sábado 8 de marzo presentarase un vídeo que rende homenaxe “a todas as mulleres caldenses”, a través das historias dun grupo de veciñas, co obxectivo de visibilizar e poñer en valor todo o traballo e esforzo que realizan no día a día
• A programación tamén impulsa iniciativas no eido educativo, como obradoiros sobre perspectiva de xénero, corresponsabilidade e autocoidado
Caldas de Reis, 18 de febreiro de 2025.- O Concello de Caldas de Reis deu a coñecer este martes o groso da programación deseñada co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo. O Goberno local reafirma o seu compromiso de reivindicar a loita pola igualdade de xénero, que, tal e como recorda o alcalde, Jacobo Pérez, “non só se centra nunha data en concreto, senón que é algo no que traballamos durante os 365 días do ano, para acadar unha igualdade transversal na que se impliquen todos os ámbitos da sociedade, ben sexa a educación, a sanidade, a política ou o deporte”.
O rexedor caldense e a edil responsable de Benestar Social e Igualdade, María del Carmen Torres Iglesias, adiantaron que unha das grandes citas terá lugar, precisamente, o sábado 8 de marzo. Será entón cando teña lugar a tradicional andaina en favor da igualdade e a lectura do manifesto. A principal novidade será a presentación dun vídeo promocional, no que son protagonistas varias mulleres da localidade. Esta proxección, que terá lugar antes do comezo da andaina no Auditorio Municipal, pretende “visibilizar e poñer en valor o labor que desenvolven as nosas veciñas tanto no eido privado como no público, con dobres ou mesmo triples xornadas laborais”, explica Pérez Gulín. O alcalde ten claro que “en moitas ocasións, este esforzo non está debidamente recoñecido nin valorado a nivel económico e social. Queremos con este vídeo render rhomenaxe a milleiros de mulleres a través da imaxe que proxectan estas veciñas”.
O eido educativo tamén é protagonista nesta programación do Día da Muller, grazas aos obradoiros e actividades que o Concello deseña para o alumnado do municipio. Neste mes de febreiro xa se está a desenvolver ‘Só Si é Si’, unha proposta de carácter socieducativa que busca promover a prevención de condutas violentas a idedades temperais, e que está dirixida a estudantes de 4º de Primaria do CPI Alfonso VII, CPR La Encarnación, CPR San Fermín e CEIP San Clemente. O alcalde e a concelleira de Igualdade coinciden ao incidir en que “a prevención da violencia sexual nestas idades é fundamental para promover relación saudables, baseadas no respecto e no consentimento”. Deste xeito, a través deste obradoiro achégase ao alumnado unha serie de ferramentas prácticas, adaptadas á súa etapa vital, para identificar, autoorganizarse e prever situacións de violencia machista.
Por outra banda, o xoves 6 e o venres 7 de marzo terá lugar o espectáculo ‘Directas ao espazo’, proxectado para as crianzas de Primaria dos centros educativos da vila. Trátase dunha historia inspirada nas astrounautas Valentina Tereshkova, primeira muller en ir ao espazo, e Sara García Alonso, a primeira astronauta española. Ademais, haberá xogos de corresponsabilidade para Educación Infantil. Estas propostas buscan concienciar sobre a importancia do reparto de tarefas no fogar e na escola.