O Concello de Mos abre a inscrición para as Xornadas Multiaventura 2026

Redacción

O Concello de Mos, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), abre o prazo de inscrición para participar nas Xornadas Multiaventura 2026, unha iniciativa dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos que combina deporte, natureza, convivencia e ocio saudable durante o inicio das vacacións de verán.

A actividade desenvolverase entre o 29 de xuño e o 3 de xullo en Baiona, cun completo programa de actividades que inclúe clases de surf, rutas de paddle surf, skate, xogos na praia, talleres de educación ambiental, actividades de xeocaching, visitas culturais e unha xincana para coñecer a vila histórica de Baiona. Ademais, as persoas participantes desfrutarán dunha pernocta no Hotel Bahía de Baiona en réxime de pensión completa.

O custo final para as familias será de 147 euros por participante. O Concello de Mos subvenciona 50 euros por cada inscrición e asume tamén os gastos de transporte, facilitando así o acceso da mocidade a esta proposta de lecer educativo e deportivo. O prezo inicial da actividade é de 197 euros máis transporte.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 22 de xuño. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal, acompañadas dunha fotocopia da tarxeta sanitaria.

Para participar será necesario ter entre 12 e 17 anos, saber nadar e ter realizado previamente un curso de surf. A admisión realizarase por rigorosa orde de entrada das solicitudes. As persoas empadroadas ou escolarizadas en Mos terán preferencia, aínda que, de existir prazas vacantes, poderán participar mozos e mozas doutros concellos.

A lista provisional de persoas admitidas publicarase o 23 de xuño no taboleiro de anuncios da OMIX e na páxina web municipal. O pagamento deberá formalizarse os días 25 e 26 de xuño mediante ingreso na conta da empresa organizadora, que será comunicada xunto coa relación de admitidos.

Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso coa promoción de alternativas de ocio saudable e educativo para a mocidade, fomentando a práctica deportiva, o contacto coa natureza, a autonomía persoal e a convivencia entre iguais nun entorno seguro e supervisado por profesionais especializados.

Comparte este artigo