A iniciativa celebrarase do 15 ao 18 de outubro en iPadel Mos e destinará a súa vertente solidaria ao apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias
O Concello de Mos colabora co I Torneo Solidario de Pádel iPadel & AFAGA ‘Xuntos pola memoria’, unha iniciativa deportiva e solidaria que se celebrará do 15 ao 18 de outubro nas instalacións de iPadel Mos e que busca sumar participación e apoio arredor da realidade do alzhéimer.
O torneo está organizado por iPadel e AFAGA Alzhéimer, coa colaboración do Concello de Mos e doutras entidades e empresas, e xa ten abertas as inscricións. A proposta combina a práctica deportiva coa colaboración cunha entidade que traballa no apoio ás persoas con alzhéimer e ás súas familias.
Na presentación do torneo participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o presidente de AFAGA Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez; Alba Pastoriza, directora de iPadel; Marina Requejo, traballadora social de Afaga; e Marcos Chantada, director deportivo.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse a través de Padel Tour Play. O prezo é de 20 euros por persoa, incluíndo welcome pack, e as prazas son limitadas.
A competición contará con categorías masculinas de 2ª, 3ª e 4ª, femininas de 2ª, 3ª e 4ª, así como mixta de 3ª. Ademais, a organización habilitou unha fila cero, coa que tamén se poderá colaborar coa causa solidaria a través de Bizum.
Desde o Concello de Mos animan á veciñanza, empresas, entidades e colectivos do municipio e da contorna a participar nesta primeira edición e contribuír á difusión do torneo. A colaboración municipal enmárcase no apoio a iniciativas que combinan actividade deportiva, participación social e compromiso coa contorna.
Baixo o lema ‘Xuntos pola memoria’, o torneo pretende facer da pista de pádel un punto de encontro para practicar deporte e, ao mesmo tempo, apoiar o labor de AFAGA coas persoas afectadas polo alzhéimer e coas súas familias.
As inscricións permanecerán abertas ata o 11 de outubro ás 12.00 horas, sempre que non se cubran antes as prazas dispoñibles.
Máis información e inscricións: padeltourplay.com
As empresas colaboradoras son Travelmakers, FIX Salud & Deporte, Talaso Atlántico, Uniaqua, Yamarco, Podoactiva, Adoa e Galektra.

