O Concello de Mos e UFD analizan ca veciñanza as incidencias na rede eléctrica de varias parroquias

Redacción

O Concello de Mos mantivo unha reunión de coordinación con representantes de UFD e veciños e veciñas afectados por incidencias relacionadas coa subministración eléctrica en diferentes zonas do municipio.

No encontro participaron representantes veciñais e residentes das parroquias de Petelos, Dornelas, Guizán, Mos e Tameiga, que trasladaron as súas preocupacións e reclamacións sobre problemas de caída de tensión e outras incidencias detectadas na rede eléctrica. Estas reclamacións foron recollidas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, durante o ciclo de charlas de “Vivindo as Parroquias” como nas diferentes reunións mantidas coas diferentes asociacións veciñais.

Durante a reunión, o Concello de Mos solicitou a UFD que avance na análise e resolución destas situacións, co obxectivo de mellorar a calidade da subministración nas zonas afectadas. Como resultado do encontro, acordouse abrir un período de recompilación e estudo da información por áreas, que permitirá avaliar as necesidades existentes, identificar posibles reforzos da rede e coordinar as actuacións xa en execución, as previstas e aquelas que poidan determinarse no futuro.

Co fin de facilitar a comunicación cos afectados e mellorar a coordinación dos traballos, será o Concello de Mos quen centralice a recepción e traslado das reclamacións veciñais relacionadas con estas incidencias.

A alcaldesa de Mos destacou a importancia de manter unha colaboración permanente entre administración, empresa distribuidora e veciñanza para avanzar na procura de solucións eficaces que contribúan a mellorar o servizo eléctrico no municipio.

Está previsto que se celebren novas reunións de seguimento unha vez dispoñible a información técnica que actualmente se está recompilando e analizando.

Comparte este artigo