O Concello de Mos vén de poñer en marcha unha nova iniciativa para promover o acollemento e adopción responsable de animais de compañía. Esta campaña, I️Mascotas, está ligada á labor do Concello na concienciación e difusión sobre a a obrigatoriedade da identificación mediante microchip. Tamén se destaca a importancia da esterilización, da tenza responsable e da adopción como alternativa ética e solidaria fronte á compra.
O abandono de animais de compañía continúa a ser un problema relevante en Galicia. Só en 2023 rexistráronse preto de 27.000 abandonos de cans e gatos en toda a comunidade, o que supón un aumento do 42 % respecto aos datos de 2017.
Un dos factores que dificulta a recuperación dos animais perdidos é a falta de identificación: só 1 de cada 5 animais recollidos nos refuxios galegos está identificado con microchip. A nivel autonómico, no período entre outubro de 2023 e outubro de 2024, inscribíronse máis de 53.000 novos cans no Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (REGIAC). Este dato é especialmente rechamante se se compara coa natalidade: por cada neno nacido en Galicia, rexístranse máis de tres cans.
Para facer fronte a esta situación, a Xunta de Galicia ofrece axudas económicas directas para fomentar a adopción de animais abandonados. Estas axudas poden acadar os 150 € no caso dos cans e 125 € no caso dos gatos, cubrindo gastos iniciais como microchip, vacinación, desparasitación e esterilización. O prazo para a súa solicitude abrangue ata o 30 de setembro deste ano.
Deste xeito, con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso co benestar dos animais e co fortalecemento dunha convivencia responsable, ética e solidaria. A través desta campaña, o goberno local anima á veciñanza a considerar o acollemento e adopción de animais de compañía, e a cumprir coa normativa vixente en materia de tenza responsable.
Esta acción pretende contribuír activamente á redución do abandono en Galicia e á mellora da calidade de vida dos animais, reforzando valores fundamentais como o respecto, a empatía e o coidado do contorno. Para máis información sobre a campaña ou sobre as axudas dispoñibles, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Mos ou consultar o portal oficial da Xunta de Galicia.