Trátase dun roteiro de 14 kilómetros e de dificultade alta polas pasarelas do río Mao en San Lourenzo de Barxacova
O Concello de Nigrán ofrece o sábado 31 de outubro un roteiro de sendeirismo pola Ribeira Sacra de 14 quilómetros e dificultade alta, polo que se require unha boa condición física (a duración é de 6 horas). A actividade ten un custe de 13,62 € (o transporte e dous guias son sufragados polo Concello). Os interesados en participar deben inscribirse este luns 26 a partir das 9:00 e ata as 17:00 horas exclusivamente por internet na web www.eventosnigran.es .
Os excursionistas partirán ás 8:30 horas desde a Casa Consistorial e regresarán ao mesmo punto aproximadamente sobre as 20:00 horas. O roteiro discorrerá polas pasarelas do río Mao, en San Lourenzo de Barxacova (Parada de Sil, Ourense), debendo levar cada quen o seu avituallamento, ademais de ir con calzado e vestimenta axeitada para esta actividade física.
As pasarelas do río Mao mesturan tramos rectos e escaleiras, permitindo adentrarse no relevo abrupto do canón que escavou o río Mao antes de desembocar no Sil. É un percorrido interpretativo entre a espesa vexetación que ocupa o canón, con paneis explicativos acerca da fauna e a flora. O río debe salvar un relevo escarpado, abalanzándose con viveza pola abrupta orografía, polo que a beleza paisaxística é espectacular.

