A festa comezará ás 18:00 horas na Praza do Concello ou no Auditorio Municipal en caso de choiva
O Concello de Nigrán dará á benvida ao Nadal este sábado 30 de novembro co acendido das luces. O acto terá lugar a partir das 18:00 horas na Praza do Concello (ou no Auditorio Municipal en caso de choiva) cunha actuación clásica xa deste acto festivo: Peter Punk. O clown de Nigrán ofrecerá un espectáculo para todos os públicos para das paso ás 19:00 horas ao acendido, protagonizado polos nenos e nenas de ‘Xeración xa!’, o grupo de participación do infantil e xuvenil do Concello. A continuación, ás 19:30 horas será o concerto de Cherry Sweet, unha recoñecida banda viguesa de swing cun amplo repertorio en villancicos e composta por tres voces femininas cunha longa traxectoria no panorama nacional e tres músicos de calidade incuestionable.
“Este ano quixemos que premeran o botón os nenos e nenas de ‘Xeración xa!” para recoñecelos e visibilizar o seu esforzo porque en gran parte grazas a eles fomos elixidos Ciudad Amiga de la Infancia por parte de Unicef”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que a programación cultural completa de Nadal será presentada nos vindeiros días e terá como arranque oficial o xa tradicional mercado de invernal de artesanía local ‘Bule, Bule’ o 13, 14 e 15 de decembro na Praza do Concello.