O concello de Nigrán acolle este sábado a “I Gala solidaria Galiclown-pallasos de hospital”

Redacción

A gala contará coa participación do mago Samuel Moreno, a Escola Unidance, Simia Coro Show e Ollo Piollo, e será presentada por Carlos Veleiro. As entradas solidarias están á venda en ticketrona

A entidade con sede en Nigrán reúne a unha trintena de voluntarios que dúas veces en semana trata de facer sorrir aos cativos e adolecentes ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro. O Concello lles achega 5.000 € mediante un convenio de colaboración

“Vincular Nigrán a Galiclown é máis que un orgullo, ogallá máis concellos e institucións nos collan como exemplo porque non hai labor máis noble que a de Galiclown”, xustifica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán acolle este sábado 21 de novembro ás 18.00 horas no Auditorio Municipal a ‘I Gala Solidaria de Galiclown – pallasos de hospital’. O encontro nace da vontade de dar visibilidade ao labor desta entidade no ámbito hospitalario, onde acompañan a nenos e nenas ingresados e ás súas familias mediante o humor, o xogo e a alegría. A gala contará coa participación do mago Samuel Moreno, a Escola Unidance, Simia Coro Show e Ollo Piollo, e será presentada por Carlos Veleiro. As entradas solidarias están á venda en ticketrona (8 € adultos, 5 € de 3 a 18 anos e posibilidade dunha fila cero solidaria).

O Concello de Nigrán asinou este ano con Galiclown o seu primeiro convenio de colaboración, o que se traduce nunha axuda directa de 5.000 € para esta entidade formada por unha trintena de voluntarios que 2 veces en semana acude ao Hospital Álvaro Cunqueiro para tratar de facer rir á rapazada alí ingresada. Nigrán converteuse así na primeira administración pública en colaborar económicamente con Galiclown. Adicionalmente, o Concello e a Asociación de Veciños Monteferro-Panxón cedéronlle o seu local da Porqueira como sede social oficial, o que lles permitirá optar ás axudas anuais municipais.

“Vincular Nigrán a Galiclown é máis que un orgullo, ogallá máis concellos e institucións nos collan como exemplo porque non hai labor máis noble que a de Galiclown”, xustifica o alcalde, Juan González, quen recorda que o Hospital Álvaro Cunqueiro atende ás crianzas de todo o sur de Galicia, incluído o municipio (ademáis, catro dos artistas voluntarios son nigraneses). “Ter un fillo ou unha filla ingresado é a dor tremenda para toda a familia, que un pallaso de repente entre na habitación e consiga levantar unha sorrisa a unha crianza enferma é un revulsivo emocional tremendo que, sen dúbida, axuda tamén a sanar”, considera o alcalde, coñecedor en primeira persoa desta situación.

“Estes 5.000 € que nos achega o Concello de Nigrán permiten ampliar a formación dos nosos voluntarios e afrontar con más tranquilidade a xestión da asociación”, explica Javi Argüelles, xerente de Galiclown, quen recorda que se trata dunha asociación composta por voluntarios que traballan altruistamente desde 2019 visitando luns e mércores á área Infantil do Cunqueiro e desde 2025 cada dúas semanas a zona de psiquiatría destinada á adolescencia . “Os voluntarios reciben formación artística e sanitaria para afrontar correctamene estas visitas, e como a nosa intervención na área de psiquiatría é máis recente, queremos aproveitar para recibir máis formación”, explica Javi, quen non descarta ampliar tamén o número de visitas. “Realmente o noso obxectivo á longo prazo é poder establecer núcleos de voluntariado de Galiclown en cada provincia para poder chegar a todos os hospitais de Galicia, pero a día de hoxe aínda non é posible”, explica Argüelles, quen incide en que a empresa concesionaria do Cunqueiro lles outorga todas as facilidades para desenvolver o seu traballo, incluído unha sala onde poder transformarse en pallasos, e que moitas empresas os patrocinan, sen embargo, non reciben axudas económicas de outra administración que non sexa o Concello de Nigrán. “Madrid, Barcelona, Valencia, Murcia e Baleares son a nosa referencia, con máis de 25 anos de traballo neste campo, sen embargo en Galicia só existe esta experiencia de Galiclown no Cunqueiro”, resume.

“Proporcionar a través da risa, a escoita, a maxia, as artes escénicas, a música, o xogo e o clown un momento de relaxación e desconexión favorece ao benestar físico e emocional do paciente”, conclúe Argüelles, quen incide ademais na profesionalización da súa actividade, xa que o obxectivo é potenciar a calidade emocional do Hospital adaptando ás visitas a especificidade de cada cativo.

O Concello de Nigrán outorga tamén subvencións directas a entidades como Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, CEE Juan María, Avelaíña ou Menela.

Comparte este artigo