O concello de Nigrán acolle este venres en Patos a “Copa Nigrán” de Surf Adaptado e o sábado o Campionato de España

Redacción

Nigrán volve a ser por quinto ano consecutivo anfitrión do campionato de España de Parasurf e aspira a celebrar no 2027 o Europeo

Surfistas de elite con diferentes discapacidades físicas, como Sarah Almagro, bicampiona mundial de surf amputada das catro extremidades, participan o sábado na competición nacional

Como antesala, esta mañá o madrileño Andrés Campos (cego absoluto) e o gaditano Titi Feira (afectado de esclerose múltiple) acudiron ao IES Val Miñor para ofrecer unha charla

“Estamos moi orgullosos de que Nigrán, coa praia de Patos, brille no mapa mundial do deporte inclusivo”, indica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán acolle este sábado 3 de outubro por quinto ano consecutivo en Patos o Campionato de España de Surf adaptado e mañá venres a ‘VI Copa Nigrán’ orientada a persoas neurodiverxentes. A competición nacional reunirá novamente no areal aos mellores deportistas de todo o país, entre os que destaca a malagueña Sarah Almagro, bicampiona mundial en categoría Prone 2 (os deportistas participan clasificados entre as 8 divisións oficiais recoñecidas pola International Surfing Association segundo o tipo de discapacidade: stand, kneel, prone, con discapacidade visual e máis). Devandita competición chega ao municipio grazas ao traballo conxunto coa Federación Española e Galega de Surf e o club nigranés Quenlla, único en Galicia adicado á diversidade. O Campionato de España estenderase a toda a xornada do sábado e incluirá o concerto de Geles Alva ás 18:00 horas en Patos.

Como antesala, esta mañá o madrileño Andrés Campos (subcampión de España en categoría Visual 1, correspondente a cego absoluto e) e o gaditano Titi Feira (subcampión de España afectado de esclerose múltiple que compite en Prone 2) acudiron ao IES Val Miñor para ofrecer unha charla a alumnado de 4º da ESO co obxectivo de romper barreiras mentais, derribar prexuizos e normalizar a diversidade.

“Estamos moi orgullosos de que Nigrán, coa praia de Patos como escenario, brille no mapa mundial do deporte inclusivo”, indica o alcalde, Juan González, quen, coma sempre, fai coincidir esta proba coa ‘VI Copa Concello de Nigrán de Surf adaptado’ que se celebrará a mañá do venres e que está orientada a deportistas de toda a comarca con diversidade cognitiva. “Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal grazas ao asesoramento do grupo de expertos de ‘Un Nigrán para todos’ e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas de surf. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano”, subliña.

“É importante que os deportistas se sintan queridos e arroupados, por iso animamos á cidadanía a que veña a Patos porque recibirán unha lección de vida e de superación incribles”, reflexiona González. “O deporte transmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis, estamos moi orgullosos de ser anfitrións deste evento e traballamos arreo para organizar no 2027 o Europeo”, engade Luís Pena, responsable do club Quenlla.

Comparte este artigo