O clube de surf Quenlla, radicado en Patos e o único de Galicia adicado á discapacidade, é o anfitrión destas xornadas promovidas desde a asociación ‘Ride in 971’ con sede en Guadalupe, territorio francés de ultramar ao que os nigraneses acudiron en abril
Unha vintena de profesionais de toda Europa especialistas en inclusión compartirán experiencias ata o vindeiro xoves co fin de explorar novas ferramentas de traballo. “Este tipo de eventos que nos honran como municipio”, sinala o alcalde.
A praia de Patos volverá a facer bandeira mundial do surf adaptado grazas á iniciativa da asociación francesa ‘Ride in 971’ xunto ao club local Quenlla e o Concello de Nigrán. Así, desde hoxe e ata o vindeiro xoves 18, unha vintena de diferentes especialistas en inclusión procedentes de toda Europa protagonizarán o seminario participativo ‘Ride the inclusion wave’ co obxectivo de compartir experiencias e explorar colectivamente o potencial do surf e o elemento auga como ferramentas innovadoras no traballo con persoas con discapacidade. As xornadas reúnen a traballadores xuvenís, educadores, piscólogos, deportistas, cineastas e profesionais comprometidos con facer que o deporte sexa máis accesible, inclusivo e significativo.
“Grazas ao clube de surf Quenlla, o único en Galicia adicado ao surf adaptado, Nigrán pode acoller este tipo de eventos que nos honran como municipio, estes son os valores que nos representan como Concello e que queremos promover”, sinalou esta mañá o alcalde, Juan González, en Patos e ante os asistentes e o presidente de Quenlla, Luis Pena.
“O surf é máis que un deporte. É unha experiencia transformadora, onde a conexión coa auga crea unha contorna segura, sensorial e empoderadora. Para moitas persoas con diferentes discapacidades ou problemas de saúde, significa abrir novos camiños cara á confianza, a autonomía e a participación social”, explica Luis Pena, quen destaca a importancia destes encontros para, conxuntamente, seguir profesionalizándose e mellorando, aínda que incide que non é un encontro centrado no surf, senon que “busca formar a todo tipo de profesionais que traballan en calquera ámbito da inclusión”. “Compartir experiencias e diferentes puntos de vista, sen dúbida, axuda a mellorar”, resume.
O encontro en Patos xurde despois de que o clube Quenlla fose invitado por ‘Ride in 971’ a participar a finais de abril en Guadalupe (territorio francés de ultramar, situado no Caribe) nun seminario especializado en surf e inclusión enmarcado na iniciativa europea ‘Erasmus +’ e ao que asistíu Luis Pena acompañado por 5 dos seus deportistas. “Eran coñecedores do noso traballo en Galicia e nos invitaron a asistir, e agora xurdíu esta oportunidade de actuar como anfitrións deste encontro e non o dubidamos”, resume.
O Concello de Nigrán acolleu o ano pasado o Campionato de Europa de Surf adaptado en Patos con 70 deportistas representantes das 10 mellores seleccións de toda Europa, unha competición internacional que chegou ao municipio tras ter sido sede durante 4 anos consecutivos do campionato de España. “Todos estes eventos fan que Patos, a día de hoxe, sexa un referente mundial en canto ao surf inclusivo e, por descontado, desde o Concello de Nigrán seguiremos traballando neste sentido coa gran vantaxe de contar como asesores con profesionais como Luis Pena e a Asociación de Escolas de Surf de Patos e a Federación”, conclúe o alcalde.

